Un local baleiro. Unha paixón confesa pola moda. Un encontro cun libro. Con eses ingredientes, nacía en Santiago o pasado mes de xullo Vintage Room, un showroom multimarca que se ten convertido en parada obrigada para todos os amantes da roupa de segunda man e con reminiscencias doutras épocas que se acheguen á cidade.
Detrás deste proxecto hai catro persoas procedentes de distintos sectores, pero que se complementan á perfección. Patricia, a súa alma mater, explícanos que o que inspirou a creación deste espazo é o libro ‘Una pasión vintage’ , de Isabel Wolff. E o certo é que é doado atopar paralelismos entre ficción e realidade. A protagonista da novela é Phoebe, unha namorada da roupa vintage que, tras pasar por varios acontecementos dolorosos, decide rachar co seu pasado e montar a súa propia tenda de segunda man. Pouco a pouco, a súa historia persoal vaise mesturando coas vivencias que lle contan as clientas do seu establecemento e que fican en cada unha das prendas que vai colgando nas súas perchas, que teñen unha segunda oportunidade, unha nova vida.
Ao igual que no libro, no seu espazo cada prenda conta unha historia. “Queremos recuperar ese valor que a roupa tiña antes, rachar co concepto de moda que temos hoxe en día, case de usar e tirar. Gústanos esa idea de reciclaxe e estamos convencidos de que, realmente, non fai falla mercar tanto”, asegura Patricia.
O que os fai diferentes é que non adquiren as prendas, senón que ofrecen aos particulares a posibilidade de deixalas en depósito. Cada peza está á venda durante un período de tres meses, tralo cal a devolven ou rebaixan o seu prezo. “A idea é que sempre haxa produto novo, para non aburrir aos nosos clientes”.
Os criterios de selección son sinxelos: que as prendas teñan un estilo retro (non necesariamente teñen que ser vintage, senón que tamén apostan por deseñadores noveles ou marcas de recente creación) e que estean en bo estado. Alí podemos atopar vestidos de festa, americanas e chaquetas denim dos anos 80, camisetas de algodón e accesorios como bolsos, zapatos ou gafas de sol cun toque especial. Así mesmo, dispoñen de pezas únicas e realmente espectaculares de firmas como Galliano, Christian Lacroix ou Just Cavalli, cuns prezos, en xeral, bastante asumibles. “Temos prendas cuxo valor orixinal era de 1.500 euros por 150”, sinala.
Ademais do trato exquisito, tamén ofrecen un servizo personalizado de asesoramento e estilismo. O máis demandado son as festas temáticas de diferentes décadas, o que lles permite dar renda solta á súa imaxinación. De vez en cando, organizan eventos con bloggers locais, e, unha vez ao mes, celebran o seu “Open day”, no que o espazo está aberto ao público xeral. O resto dos días, traballan por cita previa, agás os martes e os sábados, que abren pola tarde.
No caso de Vintage Room, o pasado e as novas tecnoloxías danse a man. Na súa páxina webpodedes mercar online, e mesmo ofrecen un innovador servizo, Lo buscamos por ti, a través do cal só tedes que describir esa peza que buscades dende hai tanto tempo e non atopades por ningún sitio, e eles encárganse de conseguila.
Polo momento, ademais de divertirse moito (a moda é a súa paixón e iso nótase), xa se teñen feito cunha clientela fixa. Unha clientela que aprecia esa compoñente humana, esa historia que se esconde detrás de cada peza e que eles mesmos contribuirán a reescribir.
Vintage Room está na Rúa Banquete de Conxo, 1, baixo.
Fotos | Xabier Martínez