Un va ás tendas e parece que pronto será primavera. Ve a roupa rebaixada, acurralada, ocultada (e aínda estamos en xaneiro). E as baldas repletas de “nova colección” na que se inclúe roupa de entretempo, hai abrigos, si, pero sobre todo moitos vestidos lixeiros e camisetas sen mangas. E un só pide non facerse ilusións (e que este inverno dure menos que o do ano pasado).
Porque un xuraría que cada ano a roupa primaveral chega antes ao mercado e ás veces picamos, ás veces compramos. O certo é que alegra bastante ver cousas novas, cheas de cor, promesas dun futuro moito máis cálido e agradable. E este ano máis, porque algunhas das tendencias que veñen nos teñen namoradas.
Vímolas xa hai meses nas pasarelas, pero agora comprobamos que chegaron intactas (canto ben fixo Zara) ás marcas low-cost. Aquí 5 imprescindibles para triunfar esta primavera (se es unha rapaza, porque moitos destes must non son extrapolables).
1. Cores pastel
O verán tennos acostumados ás cores máis vivas, pero esta primavera apóstase pola dozura: azul bebé, verde menta, amarelo pálido, rosita… Hai que usalo con cabeza, porque caer no relambido é fácil, pero atoparemos todo tipo de prendas nestes tons. Imprescindible a cazadora de coiro (ou polipel) en cores pasteis: en tendas como Zara, Topshop ou Primark xa podes mercar unha.En portada vemos un look do blog alwaysjudging con cazadora azul ceo.
2. Vestidos e saias midi
Volven os anos 50 con saias e vestidos que marcan a cintura, xogan aos volumes, e se estenden ata máis abaixo dos xeonllos. Por fin poderemos vestir como en Mad Men! Non fai falla dicir que é a nosa tendencia favorita. A foto parisina é de Atlantic Pacific.
3. Estampados ‘arty’
Os estampados inspíranse no mundo da arte do século XX, especialmente nas vangardas, desde a pintura abstracta ao expresionismo, pero tamén facendo incursións no imaxinario pop. As prendas que vemos arriba son de Zara e Asos.
4. Looks en branco e negro
Sofisticada, clásica e elegante, esta combinación verase ata a saciedade o próximos meses. As mesmas prendas combinarán ambas cores, especialmente en estampados gráficos que inclúen as raias, os cadros e o zig-zag. Os vestidos da imaxe son de Primark.
5. Blusas brancas
O minimalismo chegará con forza e o menos é máis será asumido como norma. As blusas brancas, unha prenda básica para o verán, chegan desde sinxelas a reinventadas; para un éxito asegurado, queda coa “blusa caixa”, con mangas case ata os cóbados e silueta recta.
A verdade que tanto o mix branco-negro como as faldas midi son algo que me encantan así que estou súper a favor de estas novas tendencias.
A chupa cor azul pastel paréceme moi bonita pero pouco versátil, así que por agora non a vou comprar. Seguro que cando decida comprala, estará agotada, pero nese caso mellor para o meu peto!
http://dianamiaus.blogspot.com.es