Eu tiña pensando facer un deses artigos con vídeos para a fin de semana, pero recapacitei a tempo. Quen vai ver hoxe (ou mañá ou pasado) uns vídeos podendo facer esa actividade tan exótica que é dar un paseo? Non se fala doutra cousa, xa o sei. Xúrovos que onte escoite a unha nai explicándolle ao seu pequeno que esa esfera redonda que había no ceo (e que o neno non recordaba) era o sol. Os sorrisos non caben nas caras.
Diredes que non tedes necesidade ningunha de buscar posibles plans, porque por unha vez o tedes moi claro: saír, non importa como, nin cando, nin a onde. Pero non vos confiedes. Quizais esta sexa a única finde de sol en outros tres meses, poderíamos perdoarnos non tela aproveitado ben? Aínda que probablemente, o único que me mova a escribir este post é a posibilidade de recrearme, mentres o fago, na fantástica fin de semana que nos espera por diante.
Estes son os 10 plans perfectos para unha finde de sol.
1. Anda
Se hai tres meses que non tes ningún contacto coa natureza, este é un bo momento para retomar a vosa relación. Un paseo polo monte é todo o que necesitas para sentir que aproveitaches ben a fin de semana, e rutas chulas hai para dar e tomar. Podes facer a de Baredo, con incribles vistas, podes pasear polo Camiño Real na de San Pedro de Rocas (que inclúe monumento histórico do ano 573) ou podes ir ver algunha fervenza, como a da Toxa, que seguro que vai ben forte.
2. Tamén en bici
Outro xeito de gozar do aire libre é en movemento. Chegou o momento de probar ese carril bici de Vigo a Baiona, ou de Baiona á Guarda, ou a ecopista do Minho, ou a vía verde do Eo, ou en realidade, calquera camiño sen moitos coches.
3. Excursionea
Visita un lugar novo (pero próximo, que pasar todo o día dentro do coche non é facelo ben). Podes ver o xardín botánico de Lourizan (Pontevedra), podes ir o mercadillo de Vilanova de Cerveira ou visitar castelos como o de Monterrei (Ourense) ou Pambre (Lugo). Son só tres exemplos, de miles.
4. Revive o Entroido
Como o pasado sábado estabamos de dioivo universal, en moitas cidades pospúxose o desfile de Entroido para este sábado. Paga a pena achegarse, co bo tempo é de esperar que a cousa estea do máis animada (aínda que sexa fóra de data).
5. Merca
Xa che contamos hai unhas semanas cales eran as tendencias imprescindibles desta primavera, pero…a quen lle apetecía mercar roupa cando o único que se vía de nós, día tras día, era a parka. Este é o momento de comezar a ver vestidos, crop tops e ata sandalias (non de vestilos, pero si de pensar neles).
6. Toma un vermú
Cada vez está máis de moda o de saír o sábado pola mañá a tomar un vermú, e se vas polo Casco Vello de calquera das grandes cidades poderás ver aglomeracións de modernos diante dos bares de moda. Esta é unha finde perfecta para sumarse a eles, iso si, só na terraciña.
7. Deportes ao aire libre
Xa falamos de andar ou montar en bici, pero por que non probar algo máis extremo? Para o rafting igual non é o mellor momento, pero podes facer multitude de cousas: de parapente a puenting, de segway a tiro con arco. Ata podes probar o parque aventura de Marín e saltar de árbore en árbore e tirarte en tirolina.
8. Le ao sol
Se es un intelectual, non sexas deses que van á biblioteca ata os días de sol (en verbas de Mark Twain). Podes ler, pero que sexa nun parque ou na praia, un dos grandes praceres da vida.
9. Cine
Do mesmo xeito, se queres ir ao cine, que sexa pola noite. O certo é que neste momento hai tantos filmes bos no cine que comprendo que queiras tachar algún da lista (O lobo de Wall Street, Her, Nebraska, Philomena… basicamente a metade dos que optaban ao Oscar á mellor película), pero insisto, vai na sesión das 11 da noite, non desaproveites horas de sol.
10. Festa
En Vigo, terá lugar a festa da nosa cadea de radio favorita (como bos modernos): Radio 3. Tocarán Iván Ferreiro, Triángulo de Amor Bizarro, Siniestro total, Novedades Carminha ou Nicolás Pastoriza, comezará ás 12 da mañá e será gratis. Ideal para os urbanitas que non precisan tanto aire libre, e sempre podemos ir andando ata alí para aumentar a produción de endorfinas a tope tomando o sol polo camiño.
E un derradeiro consello, recorda que seguimos en inverno. Vai un día precioso, si, pero as mínimas son aínda de 5 graos. Agarda un pouco antes de prescindir do abrigo e de calzar unhas sandalias.
Foto | Jose Luis Cernadas Iglesias