Solal, marmeladas gourmet feitas en Betanzos

Solal Marmelada 1

Posiblemente moitos de vós almorzaredes cada mañá cunhas torradas ben servidas de marmelada. É un dos pequenos praceres do día  e é, tamén, un dos puntos nos que poder deixarte levar polo gourmet sen sufrir pensando no que che vai custar. Unha marmelada gourmet pode saír por uns 3 a 4 euros. Si, non é barato pero tampouco tan caro como para non permitirse o capricho. Aínda que se falamos de marmeladas gourmet podemos imaxinar mesturas inglesas (Inglaterra=nación da marmelada, ou iso é o que directamente asociamos) e botes repenicados con nomes de resonancias francesas, o certo é que a marmelada gourmet non ten que chegar de tan lonxe. Pode vir, por exemplo, de Betanzos.  Alí é onde se fabrica, nun obrador tradicional, Solal, unha firma de marmeladas gourmet que aposta por sabores innovadores e prometedores como fresa e Campari, melón con kiwi ou laranxa, mazá e canela. Os máis populares dos seus sabores son, por certo, as fresas con cava e as cereixas con albaricoque.

Todo está feito, como contaba Borja Portals, creador da marca, nun evento en La Cantina de A Curtidoría no que se podía coñecer máis de primeira man a marca, “como o faríamos na casa”. O enchido dos botes e o pegado das etiquetas é un proceso semi-industrial pero o cocido da froita, a suma das bebidas alcólicas que lle dan a algúns sabores o toque exótico (no derradeiro momento, antes de deixar repousar e envasar) ou a – por así dicilo- investigación de mercados (eles proban os sabores que fan) faise dun xeito bastante artesanal. É “un produto mimado, pequeno, que paga a pena”, apuntaba daquela Portals.

E a proba das súas marmeladas demostra que leva (bastante) razón. Que diferenza a unha marmelada gourmet da miña marmelada dun euro mercada no super? O primeiro é que, por suposto, o sabor é distinto. Xa non é só que aumente o nivel de froita, é que ademais non temos que nos conformar cos sabores tradicionais (xa sabedes, fresa, pexego e para os máis ousados froitos do bosque). O segundo é a textura, que non ten nada que ver co que atopas nunha marmeleda mass market. E o terceiro é unha presentación que entra, directamente, polos ollos. Unha marca coidada e un packaging estupendo son algunhas das cousas que diferencias as marmeladas gourmet do  resto.

No caso de Solal todo iso cúmprese. Os seus creadores viñan do mundo da publicidade. Como nos apuntaba entón Portals, ao que abordamos cando rematou a presentación, el quería montar unha empresa gourmet e por suposto ser dos mellores do que se lanzara a facer. Betanzos acabou sendo a elección perfecta para a compañía porque “tiña os ingredientes que precisaba”. Era “pequeno, histórico, con moito encanto”.

As marmeladas están a venta en tendas gourmet en toda España (ou na súa web) e fóra de España están só en Alemaña.

Foto Solal Gourmet

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *