Alá por algún momento xa esquecido do século XX, un médico galego, o doutor Somoza, levantou nunha propiedade no que naquel momento debía ser o bucólico campo que rodeaba Santiago de Compostela un centro de “repouso” para persoas con problemas “dos nervios”. Un edificio inmenso, cunha biblioteca de 3.000 volumes e unha lámpada de cristais de Murano, que estaba no medio dun igualmente inmenso xardín. E, cercándoo todo, un muro de pedra bastante alto que impide – bastante – curiosear dende fóra. Moitos anos máis tarde, iso non é xa o bucólico campo que rodea Santiago senón máis ben o comezo da periferia. E o antigo sanatorio, agora Finca Somoza, está no medio dos edificios de nova creación da Volta do Castro, a inmensa – e fea – mole do Eroski/Lidl e do novo hospital. Aínda que sigue -ou seguía – mantendo certo misterio. E para min que sempre vivín no barrio do lado e que tiña que pasar por diante cada vez que ía ver aos meus avós, tiña o encanto do pechado e do secreto.
Pero agora a Finca Somoza xa non é un lugar misterioso. Falouse unha tempada de que ía ser a residencia oficial do presidente que tocara da Xunta, pero non foi tal. E logo converteuse nun deses salóns de vodas e eventos que aparecen nas revistas (pijas) e na (non tan pija) Vida Social Gallega de El Correo Gallego. Pero tampouco pode unha coller e chamar á porta para pedir que cho ensinen… Así que cando chegou ao meu correo unha convocatoria para adentrarse na misteriosa Finca Somoza, non o dubidei.
A cita era o The ShowRoom Must Go On, un encontro inspirador no que se mostraban diferentes posibilidades de decoracións de mesas para eventos (si, basicamente vodas) e que estivo aberto durante toda a fin de semana. E non, non puiden ver o interior da casa (aínda non perdín a esperanza) pero puiden ver por onde van os tiros no tema de protocolo e decoración de mesas e tamén descubrir ao que pode ser o novo gin tonic.
Que podedes agardar das mesas das vodas (ou eventos cun certo protocolo) aos que asistades nos próximos meses? Pois o certo é que menos austeridade calquera cousa. Todas as posibilidades de decoración de mesa (ou de como indicar aos invitados onde deben sentarse, unha desas cousas nas que – a verdade – non pensara moito ata onte) parten dun certo barroquismo ou dunha aposta polo visualmente chamativo. Nada de prato, garfo, vaso. Non. Os centros de mesa son ou inmensos ou sorprendentes ou impactantes. Así, por exemplo, había unha mesa decorada con libros, na que o elemento que daba cohesión e tema eran os libros que colgaban do teito e os que facían de centro de mesa. Tamén había outra – e aquí (se cadra non son tan ousada…) quedei un pouco impactada de máis – na que a decoración estaba feita con alcachofas e coliflor. Ou unha na que todo xiraba ao redor dun carrusel. Tamén había caveiras negras (pero non son tan 2013..?) ou inspiración branco radiante máis na liña da vella escola.
E por suposto había cupcakes (e si, podías comelos, aínda que se cadra fun a única que o fixo) e coctelería. E alí foi onde din co que pode ser o novo gin tonic, ou o gin tonic evolucionado. Non é que o gin tonic vaia morrer (preguntei e dixéronme que “vai perdurar”, en fin non esquezamos que é un clásico) senón que esta é outra posibilidade.
É o sorbete de gin tonic, que leva xenebra, tónica, zume de limón e outras cousas que non apuntei e que esquecín rápido. Preparábano os de Classic Bar, un servizo de catering de coctelería da Coruña e levaban xa servidos “uns 300”. Por que mola o sorbete de gin tonic? Disque é máis dixestivo e “ideal para despois da comida”. E “non encharca moito”. Eu engado que estaba moi bo (e tiña un lixeiro sabor a lambonadas que debía de vir dalgún deses ingredientes que esquecín).
Así que pola miña parte, estou disposta a aceptalo aínda que leva clara de ovo, que é algo que sempre me dá certo aquel. Agora só queda que os sorbetes de gin tonic invadan as cartas dos bares de toda Galicia para que poidamos gozalo.
A mi también me encantó lo del sorbete de gintonic pero había unos daikiris que estaban flipantes.
La verdad es que fue una gran ocasión para probar cosas para que los eventos tengan otro color… y otro sabor.
¡Qué maravilla y qué lujo poder disponer de un sitio como éste en Galícia (Santiago)! Enhorabuena.