O meu veciño, Roberto Vidal Bolaño

RVB_01_Henrique_AlvarellosCando vin a quen lle adicaran o día das Letras Galegas dinme conta de que eu coñecía a ese escritor. E non falo de coñecer porque aparecese no libro de galego ou por ter algún dos seus libros nas mans. Eu falo de coñecer, coñecer; coñecer o suficiente para poder dar unha testemuña no programa Gente. E como Proust coa súa magdalena, eu vinme transportada a un tempo no que tiña que ir á escola e vía na rúa a un señor cun chapeu negro. Porque, damas e cabaleiros, Roberto Vidal Bolaño era o meu veciño. Era algo terriblemente emocionante, porque son dun barrio no que non viven celebridades. Se ti buscas en Google personaxes célebres do barrio de Santa Marta en Santiago non pasa nada, nin en castelán nin en galego. Por atopar, o único que atopas que non sexa unha oferta de venta dun piso é unha noticia de El País do ano 76 que non é nada positiva. Porque Santa Marta é un barrio aburrido, no que nunca pasa absolutamente nada. Só saímos nas noticias hai uns anos, cando Santa Marta e Conxo comezaron unha guerra aberta porque todos pensaban que o Camiño de Santiago debía entrar polo sur polo seu barrio.

Pero chegou o día, está a pasar a romaría e no barrio non está pasando nada en absoluto. Roberto Vidal Bolaño está sendo homenaxeado en todas partes menos no barrio de Santa Marta. Vidal Bolaño naceu no 1950 no barrio de Vista Alegre (xusto no outro lado do mapa de Santiago, sen pelexas con ningún outro sobre por onde entra o Camiño de Santiago pero sendo máis ou menos o mesmo tipo de barrio aburrido que pode ser Santa Marta) e viviu en Santiago toda a súa vida, quitando o tempo que pasou nos 70 en Ceuta facendo o servizo militar. Isto é o que nos contan todas as biografías publicadas na rede (a RAG, a asociación que defende a súa memoria…), aínda que non nos din en que zonas de Santiago viviu o escritor. O seu compromiso con Compostela semella iso si claro: esta é a cidade na que faleceu no 2002.

Vidal Bolaño é unha figura clave para entender o que foi (e o que é) o teatro galego dos últimos anos. Non só escribiu obras propias, senón que tamén adaptou a escea obras de autores galegos contemporáneos. Vidal Bolaño traballou tamén na produtora CTV-Galaxia, na que traballaba no dobraxe de películas ao galego. E velaí a miña segunda pista, a parte dos difusos recordos da infancia, que apuntan a que Vidal Bolaño era veciño de Santa Marta. Porque sobre o señor da miña memoria dicíase que traballaba na Galega (así son os barrios pequenos, todo o mundo fala de todo o mundo). Pero esa non é a única proba que atopei: Google Imaxes acabou por darme unha bastante definitiva. A foto que máis se repite nas noticias sobre Bolaño (e que podedes ver neste artigo de La Opinión da Coruña) está tomada, onde se non?, no mesmo barrio de Santa Marta: pódese recoñecer a parada do autobús do hotel Peregrino e o comezo da Espiñeira, unha das rúas do barrio. E por se iso fose pouco, a testemuña da miña nai confirma todas as especulacións: si, ela pode identificar perfectamente a Roberto Vidal Bolaño como un veciño que se vía polas rúas de Santa Marta hai xa uns cantos anos.

Preguntarédesvos porque non confirmamos toda esta información cos seus editores ou coa asociación Roberto Vidal Bolaño antes de publicar nada. Sería tan sinxelo como levantar o teléfono e facer unha chamada. Pero imaxinade que terrible decepción sería descubrir que o único veciño célebre de Santa Marta en realidade nunca foi tal…

Foto | Henrique Alvarellos, Asociación Roberto Vidal Bolaño 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará