Condecórate: “Encántanos contar a historia que se esconde detrás de cada obxecto”

SONY DSC

Os amantes da decoración, do vintage e do deseño nórdico están de sorte desde que, en outubro de 2012, María e Juan Luis, arquitecta e realizador de audiovisuais, decidiron poñer en marcha CondecórateEste showroom ubicado na Coruña é o resultado da súa “necesidade de rescatar e coleccionar obxectos e mobles dos anos 50 aos 70”.

Este proxecto (a definición como showroom é un pouco simple para algo tan especial e complexo) xurdiu dunha maneira totalmente espontánea. “Queríamos seguir coleccionando, pero o espazo da nosa vivenda é reducido, polo que decidimos amosar a través da web a nosa colección, para que calquera persoa que comparta connosco esta afección poida adquirir os tesouros cos que convivimos”. O seu modus operandi é moi particular e reflicte tamén a súa filosofía: “citámonos con xente interesada nas nosas pezas para amosárllelas en persoa. Encántanos recibir visitar e contar a historia que se esconde detrás de cada obxecto“. Pero, non lles dá rabia desprenderse de cousas que forman parte da súa casa, da súa vida? “É certo que sentimos certa morriña cando se levan algo, pero fainos moi felices saber que alguén entende o seu valor e que ese obxecto vai seguir escribindo a súa historia noutro fogar”. Iso motívaos e permítelles seguir coleccionando.

SONY DSCEstes “caza-tesouros” conseguen esas pezas tan especiais a través do contacto con persoas que se adican ao baleirado de vivendas e oficinas, visitando rastros e feiras de antigüidades e buscando entre particulares que almacenan este tipo de obxectos. En Condecórate podemos atopar xarróns alemáns, cadeiras nórdicas e aparadores dinamarqueses, ademais das prestixiosas lámpadas Fase, todos eles pezas únicas de calidade que supoñen unha boa alternativa ao “deseño para todos” de Ikea e son perfectas para darlle un “plus” de estilo a calquera espazo. Pero tamén hai oco para o tecnolóxico: tocadiscos ou cámaras Polaroid dos anos 70, que seguen a dar resultados coas características texturas da súa época, hoxe tan de moda que se teñen dixitalizado. E a verdade é que moitos vos preguntaredes para que vou mercar unha polaroid se xa teño Instagram?. Está claro que “a dixitalización é unha vía rápida, pero se tés o obxecto analóxico que inspirou ese efecto, entón é auténtico: tes nas túas mans a orixe“, explican.

O máis antigo do que dispoñen nestes momentos son uns gravados e litografías de zooloxía, botánica e anatomía do século XIX. O máis especial, unha escultura en forma de cabeza de cervo. “A miúdo reestruturamos ou cambiamos as cousas de sitio para crear novos ambientes e, curiosamente, este é o único obxecto que permanece no mesmo lugar desde o principio”.

Na súa web amosan tamén como restauran algúns mobles, procurando sempre “non desvirtuar a súa esencia, respectando na medida do posible o seu estado orixinal e mesmo, nalgúns casos, os sinais características do uso e do tempo”. Moitas veces atópanse con mobles mal restaurados, pintados coas cores de moda ou con técnicas que falsean o seu resultado orixinal. “Non hai mellor pátina que a do tempo. Non nos gustan os mobles tuneados”, sentencian.

SONY DSC

María e Juan Luis teñen os seus trucos para mercar vintage. Para eles é prioritario indagar na orixe das cousas, no ano ou década na que se fabricaron e mesmo no contexto no que se crearon. Séntense especialmente atraídos por deseños atemporais e evitan as pezas con “falsos retoques” que simulan un desgaste polo uso e o tempo, porque “esas manipulacións son modas pasaxeiras e rouban a identidade do obxecto”. Tamén foxen “do antigo polo antigo”, das pezas que simplemente son lembranzas dunha época anterior. Gústalles o auténtico, o orixinal, malia que pareza que estea en mal estado: esas pequenas imperfeccións son “sinais de vida, máis que de pasado”.

O público ao que se dirixen é moi variado, pero, en xeral, contactan con eles persoas de entre 30 y 45 anos que teñen superado a fase Ikea e buscan personalidade nos obxectos. “Nunha sociedade na que moita xente cambia de móbil por unha rabuñadura, ilusiónanos atoparnos con persoas que aprecian o valor de mobles e pezas de máis de cincuenta anos”. Son conscientes de que un proxecto como o seu ten certo risco porque, en Galicia, o vintage tense estendido sobre todo en moda, pero é difícil atopar un lugar especializado en mobles e obxectos antigos. “Aínda existe certa desconfianza, pero esta mentalidade cambiará, xa que o looksecondhand está a despuntar. De feito, agora, e cada vez máis, sentímonos raros nunha vivenda na que todo é novo: é coma estar nunha casa baleira”.

O que lles sorprendeu gratamente é a boa acollida que a súa iniciativa está a ter no estranxeiro. “Cando comezamos, non tivemos en conta a posibilidade de enviar os nosos obxectos a outros países, pero o gran interese que temos suscitado en lugares como Estados Unidos, Noruega ou a Arxentina tennos levado a estender a nosa colección”. A isto únense varias colaboracións, como un spot audiovisual para unha revista online e o préstamo dalgunhas pezas para a gravación dun filme e para programas de televisión.

E é que, sen dúbida, o vintage é un sector que se leva moi ben coas novas tecnoloxías. “Axúdannos moitísimo, tanto na labor de investigación como para concentrar esa información na nosa web”. Grazas a elas conseguiron catalogar obxectos dos que non había constancia, indagando nas súas características e no contexto no que foron creadas. Todo o que chega ás súas mans fotográfano e compárteno cos seus seguidores nas redes sociais, de cuxa importancia son moi conscientes. De feito, a través delas teñen organizado accións efémeras, como concursos de fotografía aos que pretenden darlles continuidade, ademais de poñer en marcha outras actividades, coma exposicións ou talleres. Sen dúbida, unha viaxe polo pasado máis que apetecible.

Podedes contactar con María e Juan Luis a través da súa páxina de Facebook

Fotos | Condecórate

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *