VAN Divulgación: un recuncho para a creatividade en Vigo

big-van-divulgacionEsta tarde calquera despistado que pase pola rúa Brasil de Vigo sobre as 8:30, xa de noite, nun barrio (Casablanca) no que a xente desaparece coa luz, levará unha sorpresa. Haberá un grupo de xente na rúa diante dunha porta, os fumadores que indican que dentro está a pasar algo. Míraos: son xente de aspecto moderno, en xeral novos, pero hai un pouco de todo. Xente cool en xeral. Dentro ten que haber algún tipo de evento creativo. Entras. Hai moitas máis persoas, tomando un pincho e bebendo un viño. Hai alguén que está a falar. É Pirusca contando como son as súas ilustracións. Ou os rapaces de Nude Design amosando as súas lampas. Ou a presentación da nova editorial PatasdePeixe. Quedas. Pero que lugar é este? – pensas. Estás no evento mensual que organiza VAN Divulgación o último xoves de cada mes. No espazo Big VAN.

Que? Como? Que é VAN Divulgación? Por que non sabía nada disto?

Non é doado de explicar. Trátase de crear sinerxías, de formar unha comunidade, explícannos Iván R e Alicia. De levar a cabo proxectos conxuntos, de que se eu fago webs e necesito colaborar con, digamos, un fotógrafo, saiba a quen acudir. Ou de deixar que as cousas simplemente xurdan polo simple feito de compartir espazo durante unhas horas. É Vigo xa o suficientemente grande como para algo así? Non falamos de coworking, falamos de comunidade. Iso é o que están a intentar desde VAN Divulgación desde que hai uns meses inauguraron o espazo Big VAN. Ofrecen cursos, teñen un evento mensual (este no que estás), pero son máis ambiciosos. O proxecto grande é difícil de comunicar.

O mellor para descubrilo é pasarse polo local Big VAN calquera outro día: nun baixo da rúa Brasil, descubrimos tras a porta un espazo flexible e en continua transformación no que cheira a creatividade. E con razón: nese espazo, con mesas que aparecen, desaparecen e se moven dependendo do momento e da ocasión, podes entrar e atopar un grupo de xente tapizando un sillón antigo, ou creando patróns para facer roupa ou simplemente pintando. Son os obradoiros de VAN, que van desde a Transformación de mobles ata o Deseño de complementos, pasando por disciplinas máis clásicas como a fotografía. A idea, non obstante, é pouco clásica: lonxe dos cursos cun programa definido polo profesor, aquí son os asistentes os que deciden que é o que queren facer.

Os obradoiros foron tamén un pouco os culpables dunha das actividades con máis éxito de VAN: unha vez ao mes, organizan “Tómate a tarde”, un evento onde distintos creadores contan que é o que fan, os seus proxectos e ideas ou o que lles apeteza, explícannos, xa que é todo nun ambiente “moi informal”. A idea naceu como unha forma de dar a coñecer e promocionar os obradoiros (os primeiros en falar foron os distintos profesores), pero rapidamente a cousa tomou forma e outros creadores da cidade (e de toda Galicia, en realidade) mostraron o seu interese en presentar os seus proxectos. Estes xoves o espazo Big VAN énchese de xente que comparte ideas e toma un viño. Os que queren continúan a noite en Churruca, no bar Gloria.

van

Despois está o obxectivo final, o da comunidade. Por 25 euros ao mes, desde VAN ofrecen a creadores, artistas e profesionais liberais de calquera pau un espazo de traballo e -sobre todo- interacción tres horas diarias (de 7 a 10 da tarde). Non é coworking: é moi pouco tempo e non tes posto propio. Pero podes ir co ordenador e traballar un anaco desde o recuncho que escollas. Saes da casa e, o máis importante, estás con máis xente creativa. E xa sabes como vai isto: a creatividade chama á creatividade e en pouco tempo estarás a montar un novo proxecto que nunca imaxinaras. Isto é o que busca ser a Comunidade VAN.

Pero podes empezar por tomar a tarde aí hoxe mesmo, vendo que se coce no espazo. Podes apuntarte a algún dos obradoiros (40 euros ao mes, 2 horas semanais, con profesores que son artistas e profesionais). E cando volvas a estar traballando na casa, como sempre, sentirás ese desexo de saír e cambiar de ambiente durante unhas horas. Será aí cando decidas entrar na Comunidade VAN.

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *