Matina, un bazar no que almorzar en Vigo

Matina

Matina é ese fermoso local cheo de cores, flores e mobles bonitos que desde hai unhas semanas fai que moita xente se pare curiosa na rúa Abeleira Menéndez, no Casco Vello Alto de Vigo. A primeira vista parece un café no que tanto a decoración como os produtos que ofrecen foron minuciosamente escollidos e coidados. Pero Matina non é iso, ou non é só iso. Son un lugar de “almorzos e bazar”, din, e destacan que non poden ser considerados un lugar de hostalería. Teñen horario de tenda. Quizais sexa máis un bazar no que tamén serven cafés, infusións e biscoitos.

matina3Alicia, unha das responsables do nacemento de Matina, xunto con Manuel e Tomás (coa grande contribución de Iván R), explica que a idea naceu sinxelamente de querer facer “un establecemento con cousas que nos gustan, o lugar ao que quereríamos ir e que non atopabamos na cidade”. As cousas que lles gustan son a arte, a ecoloxía e sustentabilidade, a cultura en xeral. E por iso todo o que serven (e venden) en Matina ten unha historia detrás: coñecen aos produtores ou artesáns que crean os produtos. Podes facer a proba: pide un café (delicioso, aviso) e pregunta de onde saíu. Ou quen fai o pan e os biscoitos. Ou de onde vén esa marmelada, o aceite de oliva, os cereais ou ese chocolate que segundo contan é espectacular. Terás a historia.

A parte dos almorzos queda así clara (de feito, o sábado é o seu día favorito e queren animar aos vigueses a quedar para almorzar ben e longo antes de facer os recados, xa sexa en Matina ou mercando alí o pan e marchando para casa), pero e o bazar? En Matina non só venden alimentos: hai tres patas máis sobre as que se apoia o proxecto. Están as plantas e as flores, tamén á venda,os mobles e a arte. Cada mes un artista terá a súa exposición e cada mes unha marca poderá vender os seus produtos no bazar.

“Gustábanos a idea de tenda antiga”, conta Iván R, ilustrador e o encargado da dirección de arte do local. De aí saíron o nome, o concepto de bazar e unha imaxe que mestura a tradición coa modernidade. Mobles antigos aos que se lles deu unha nova cara nun conxunto no que nada foi deixado ao azar. “Non nos limitamos a coller unhas cadeiras calquera dun mercadillo, por exemplo. Todas teñen a súa historia e foron modificadas (pintura tapizado) para poder cumprir ese obxectivo que buscabamos”, explica. Nun futuro quererían ata ir formando unha marca propia, que Matina sexa moito máis que ese pequeno establecemento na rúa Abeleira Menéndez.

Está xa todo? Non. En Matina, en realidade, o que queren é facer actividades. Queren aproveitar e facer cursos e conferencias, que haxa charlas, que a actividade cultural, que é o sector do que veñen todos, teña un lugar central. Polo de agora empezarán trasladando algúns dos cursos de VAN Divulgación (porque si, Matina está formado pola xente de VAN) ao espazo do bazar de forma puntual, e falan tamén dunhas pequenas charlas, co café pechado, na que se vaia explicando de onde vén cada cousa que se vende alí. “Tomar un café e un biscoito e que che conten unha historia sobre iso que estás comendo”, contan.

Levan abertos tan só un par de semanas, pero a acollida está a ser moi boa. “Estamos moi sorprendidos e contentos”, asegura Alicia, “porque aínda non fixemos ningunha promoción, máis alá da páxina de Facebook“. Iván di que dalgunha forma conseguiron tamén volver a ese espírito de tenda antiga nestes primeiros días, xa que “o que funcionou en realidade foi o boca a orella”. Todo nun barrio, o do Casco Vello Alto, que está a renacer e a converterse, palabra de Disquecool, no novo centro cool da cidade de Vigo.

matina4

“É incrible o que está a pasar aquí”, explican. “Facemos reunións, colaboramos, e están a piques de abrir locais novos”. O único que aínda falla un pouco é o de que a rúa estea aberta ao tráfico, pero cren que “cando sexa peonil estará chea de xente, ou iso é o que nos gustaría”. É un barrio moi descoñecido e ata hai pouco algo temido, o lugar polo que “ninguén quería pasar”. Pero está moi céntrico, a un minuto da Porta do Sol polas escaleiras e outro do Concello. 

Que é o que máis chama a atención a xente que pisa Matina? Non teñen dúbida: é o local en xeral, a decoración, como está montado todo. “E as señoras maiores din que é moi europeo”, contan. A nós sempre nos gustou Europa.

Fotos | Matina

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *