Seguimos examinando o mellor que nos deu este ano e chegamos á lista dos disquelugares: tendas, restaurantes e espazos varios que se caracterizan por ser cool (ou polo menos por parecérnolo a nós). Moitos destes lugares naceron este ano, pero outros moitos non, simplemente o 2013 foi a ano da nosa particular descuberta. Do mesmo xeito, hai moitos sitios que seguen a ser 100% cool aínda que xa os escollésemos o ano pasado.
Queremos aproveitar para pedir perdón polo noso inevitable sesgo atlántico. Sen dúbida as provincias de Ourense e Lugo tamén molan, é só que é máis fácil coñecer o lugar onde vives. Pero animamos a todos os agraviados a enviar as vosas propostas para que vaiamos de excursión ;-).
Para resumir, son todos os que están, pero non están todos os que son. 10 disquelugares para visitar!
1. Matina – Estamos namoradas deste bazar de Vigo no que podes almorzar, tomar a merenda, mercar flores ou mobles vintage. E todo nun espazo delicado e fermoso. Avisamos xa que o Casco Vello Alto de Vigo está de plena tendencia.
2. Catrineta – Cando vas a Portugal botas de menos ter unha tenda retro e chea de encanto con conservas do chan ao teito? Agora xa podemos gozar dunha en Santiago de Compostela: con todo tipo de conservas, pero ademais, con moito estilo.
3. Benboa – E seguimos unindo tradición e modernidade con esta tenda, cetaria e restaurante gourmet situada nunha antiga fábrica de salazón. Gústanos o seu estilo industrial, e é outra razón de peso para achegarse a Corrubedo.
4. La industrial – E como nos gusta o estilo industrial, non podía faltar tampouco este nova restaurante de Santiago, que seduce pola decoración, pero tamén pola súa carta, con deliciosas opcións para a sobremesa ou a merenda.
5. Casa Museo de Manuel Antonio – Achegarse ata este museo de Rianxo é unha estupenda forma de coñecer un pouco máis a figura do escritor máis cool da lingua galega. Recomendable!
6. Pippa Studio – Unha tenda pequeniña, pero chea de encanto, onde mercar roupa das nosas marcas favoritas: Kling, Azura, Pepa Loves, e tamén creacións de novos artesáns.
7. La bulanxeri – Unha deliciosa panadería afrancesada que vindica á volta as raíces, pero con tecnoloxía moderna. O resultado son as baguetes, os croissants e os pain au chocolat máis ricos de Santiago.
8. Big VAN – Trátase do espazo sede da comunidade VAN divulgación, onde podemos atopar eventos como presentación de proxectos ou obradoiros para reciclar mobles ou facer fotos. Un pequeno recuncho para a creatividade en Vigo.
9. Tosta e tostiña – Merendar é o mellor do mundo, que lle imos facer se normalmente non se lle presta a suficiente atención. No momento en que atopamos un sitio cuqui pero molón, cheo de doces ricos, como Tosta e tostiña en Santiago, quedamos.
10. Restaurantes exóticos – Explorar novas culturas é o segundo mellor do mundo, pero se non se pode, tampouco está mal explorar sabores. Este ano propuxemos unha ruta polos xaponeses compostelán e tamén por cinco restaurante de comida internacional de Vigo.