Nestes tempos en que todo parece copado por Inditex, H&M e multinacionais do estilo, sempre é unha boa nova cando abre unha tenda de roupa nova, pequeniña e independente. Moito máis se o establecemento é bonito e ofrece prendas un pouco distintas, con ese estilo naíf que tanto nos gusta en Disquecool.
É o caso de Pippa Studio, unha tenda que abriu este mes de xuño nas galerías Durán, en pleno centro comercial de Vigo. É obra de Paola e Cristina, dúas rapazas que levaban anos falando de facer algo así e ás que a falla de traballo (e de posibilidades de conseguilo) animoulles a intentalo. Déronse de conta de que este tipo de tendas estaban desaparecendo de Vigo e ademais Cristina podía atopar así un escaparate para pór á venta as súas creacións (é quen está detrás dos complementos Lilligum).
E é que en Pippa Studio non só atopamos roupa de marcas como Divina Providencia, Pepa Loves, Kling, Azura, Utan e (proximamente) Yumi, tamén hai espazo para vender accesorios artesáns (por exemplo, a bixutería de Cristina ou os complementos tecidos por Paola, pero tamén cousas feitas a man por outros creadores).
O obxectivo era pór en marcha un sitio onde se puidesen atopar cousas un pouco diferentes, porque, como elas explican: “Un non quere ir de Inditex todo o tempo”. Botaban en falta roupa doutro estilo, para rapazas como elas: “Moitas das tendas que tiñan en Vigo estas marcas pecharon, e nós queriamos ofrecer esa posibilidade de vestir con roupa un pouco distinta, pero a prezos aínda alcanzables“
Nótase o mimo coa que montaron na tenda tamén na decoración, pois o espazo, aínda que moi reducido, é moi coqueto. Pintado en branco e verde turquesa, con femininas vitrinas, un mini-invernadoiro de Ikea e ata unha cadeira de brazos floreada. A roupa fai o resto. Están moi satisfeitas co resultado “Abrimos a tenda con moita ilusión e un pouquiño de desesperación, e tratamos de facelo todo por nós mesmas, como pintar as paredes, que antes eran rosa goma de mascar… E o certo é que estamos contentas co recibimento, a xente polo momento mira máis que compra, pero polo menos a tenda chama a atención”.
O que máis éxito ten, como non podía ser doutro xeito, é Kling: “Moita xente chega preguntando directamente que temos de Kling. Nótase que é unha marca con tirón”. Unha marca que agora podemos conseguir sen saír da ruta de tendas de Príncipe. E nun sitio con moito encanto.
Moitas grazas Cris por este artículo, estamos supercontentas !!
Hai tamén roupa de home? Interésame :p