Ten sentido vestir aos nenos pequenos con pantalóns vaqueiros, camisa a cadros, zapatos e cazadora cando adican as súas horas a xogar? Esa é a pregunta que se formulou Marián Salgado cando comezou a buscar roupa para o seu fillo. E é que ela tiña moi claro o que quería: roupa cómoda (ao fin e ao cabo nós vestimos roupa frouxa cando imos xogar a algo ou facer deporte), pero tamén ecolóxica, divertida, resistente e alcanzable.
“Era imposible encontrar prendas que combinaran, xa non todas, senón sequera mais de dúas desas exixencias – explica- o que era cómodo e ecolóxico, non nos resultaba divertido ou era demasiado caro; o que era resistente, non era cómodo; o que era economicamente asequible proviña de procesos de produción nos que, constábanos, non se ten o mínimo respecto polo ser humano nin pola natureza… “. A solución, no seu caso, foi facer a roupa do fillo en casa, algo que a xente ao seu arredor valoraba e que lle fixo darse conta de que non estaba soa nesa busca.
É a semente de Racataplan, unha marca de roupa saudable feita por pais e testada por nenos, que fai fincapé na comodidade duns pequenos que non paran de moverse. Pero non só queren coidar da saúde dos nenos, tamén da do entorno, porque as súas prendas levan tecidos 100% ecolóxicos e están feitas no rural galego, de forma case artesanal e respectando unhas boas condicións de traballo.
Polo momento Racataplán só consta de pantalóns para nenos de 0 a 3 anos. Explica Marián que xustamente por querer facer do seu un proxecto ecolóxico, socialmente xusto, pero tamén alcanzable, é difícil tomar riscos ou facer unha gran produción, pero teñen en mente novas prendas de cara ao futuro. Polo momento comercializan catro pantalóns “free move”, que favoceren a forma libre de moverse dos nenos, e tamén o porteo (sen roupa que deixe marcas coas costuras). Ademais propoñen cores e estampados creativos, que fagan soñar aos pequenos e esperten a súa imaxinación.
Os pantalóns custan entre 29 e 31 euros e pódense mercar na súa páxina web. Unha boa proposta que aposta pola Slow Fashion fronte aos concepto das grandes marcas e pola comodidade do neno fronte ao encorsetamento da moda.
1 comentario