Chegou o momento. Intentaches demoralo, pero o Nadal achégase inevitablemente… e con el os agasallos. Amigos invisibles, pais, nais, avós, irmáns… E se o que mercas apoia iniciativas emerxentes do teu entorno? E se a sorpresa que este ano a túa familia atopará baixo a árbore fabricouse de xeito responsable tendo en conta o medio ambiente e a saúde das persoas? Cada vez son máis as persoas que pensan dúas veces antes de mercar. E por sorte, cada vez son máis as opcións para poder adquirir produtos respectuosos coa natureza e as persoas, e con impacto local. Entre elas, os numerosos mercados que estes días se desenvolven nas cidades galegas, con pezas de artesanía e de deseñadores locais, e tamén o catálogo de Latitude Lab, que reúne marcas e produtos téxtiles deseñados e fabricados en Galicia con criterios de sostibilidade.
No catálogo atoparás unha chea de estilos e produtos moi diferentes entre si, pero cun nexo común: outra forma de facer as cousas en moda, cun uso responsable dos recursos naturais, a utilización de tecidos ecolóxicos, a aposta pola produción local e o respecto e trato digno ás persoas que están detrás das prendas.
Os primeiros jeans ecolóxicos galegos, traxes de noiva, pantalóns para skaters, un poncho, gravatas ecolóxicas…. As opcións son múltiples. Aquí van algunhas delas:
XIRO é a marca responsable dos primeiros vaqueiros ecolóxicos made in Galicia. A súa fonte de inspiración é a Costa Atlántica, onde os seus creadores Xulián e Iria naceron, creceron e viven. De onde saen as súas prendas denim baseadas na sostibilidade e a funcionalidade.
ADANEGRA. Prendas que se acomodan ao corpo… e non á inversa. Pezas únicas con patronaxe non convencional.
LA CANALLA. Esta marca, cunha longa historia en Galicia, lanza The Germ, a súa primeira gama de produtos feitos con tecidos ecolóxicos. Deseños atemporais, a partir de patronaxe con referentes tradicionais, adaptabilidade a varias tallas e aproveitamento do tecido.
MARUJITA ALEGRE presenta as súas chaquetas interxeneracionais, prendas versátiles e atemporais que se adaptan a todo tipo de mulleres. Un único patrón, pero non dúas prendas iguais. Cada chaqueta está feita con tecidos diferentes, procedentes de excedentes de produción, e completadas con detalles de Latonta y Larubia.
RAFAEL J. CAMESELLE deseña prendas únicas, elegantes, cómodas e duradeiras. No seu traballo investiga o patrón para achegar contemporaneidade ás prendas de sempre, tratando cada peza como unha obra de arte.
PILAR ULLOD. Nos seus panos e camisetas atoparás caras de avós e de avoas en ilustracións contemporáneas cheas de cor.
LA ECORBATA. Gravatas ecolóxicas? E moito máis! Panos e lazos para lucir pescozos.
LE CHANELAS presenta nesta catálogo unha camisa ilustrada por Federico Fernández, Premio Nacional de Ilustración. Le Chanelas é a unión de arte e moda. Podería dicirse que as súas pezas son un cadro ou un debuxo que se materializan en prenda de vestir.
RACATAPLAN. Xa vos falamos nalgunha ocasión desta marca, que crea roupa divertida, ecolóxica e responsable para nenos e nenas.
ERIZO VIOLETA. Calquera que teña conta de Pinterest sabe que os tipis están de moda. ¿Imaxinas un feito en Galicia con tecidos ecolóxicos e madeiras sostibles?
THE PONCHO é un proxecto colectivo integrado por Adanegra, La Canalla e Mandacarú. Unha peza unisex, atemporal e multitalla con infinitas posibilidades, xa que é reversible e ten unha serie de trabillas para modelalo ao teu gusto.
ECOCHILA é unha mochila divertida para nenos e nenas inspirada no xogo e a natureza e creada de acordo a criterios de sostibilidade. É froito do traballo de Racataplán, Le Chanelas e Erizo Violeta.
COMANDO VODAS. Os deseñadores Pilar Ullod e Rafael J. Cameselle únense para deseñar un vestido que non só está confeccionado con tecidos ecolóxicos, senón que inclúe diferentes pezas que se poden combinar de distintas formas e usar por separado. Un vestido para o día máis importante… e para os 364 restantes.
COMANDO DENIM. A unión do skate, a moda sostible e a gráfica más vangardista. Pantalóns de denim ecolóxico especialmente pensados para a práctica deste deporte e estilo de vida. Unha creación de Xiro, Producciones Mutantes, Portal 48 e Ash Santos.
Boas! Gustaríame saber se La Ecorbata ten páxina web. Graciñas!
Ola Natalia! Grazas polo teu interese. De momento La Ecorbata non ten web, pero podes consultar os modelos dispoñibles no catálogo: http://issuu.com/latitudelab/docs/latitude_lab_catalogo_galego
Se queres mercar algún dos seus produtos tamén tes un mail de contacto de La Ecorbata onde podes facer os teus encargos.
Un saúdo!