Miolos Design: deseño galego feito a man ou cando o cool é sostible

Miolos Design

O de rematar os estudos e ter a busca de traballo coma único plan parece algo cada vez menos común. As novas xeracións estudan xa pensando no Plan B, nese negocio que ven que se verán dalgunha forma obrigados a montar. Son tamén xeracións soñadoras, que dentro do pesimismo que o envolve todo, pensan que xa postos a ter que iniciarse no perigoso mundo dos autónomos, polo menos facelo con algo que te apaixona. E grazas a unha situación a priori moi negativa, aparecen propostas fermosas coma a de Miolos Design, unha firma galega de deseño que leva aínda pouco máis dun ano entre nós.

_0340Detrás de Miolos Design, cuxos produtos inclúen cousas tan variadas coma bolsas de tea, cadernos, reoloxos de parede ou calendarios, están Javier Prieto, deseñador industrial e de produto, e o seu pai. Segundo conta Javier, Miolos Design xurdiu “como solución as moitas ideas que tiña na cabeza e que necesitaba sacar fóra de min”. A situación de incertidume ao rematar a carreira axudou, por suposto. “Antes de lanzar a marca encontrábame en paro e recén titulado pola Universidade da Coruña coa cabeza chea de ideas e proxectos e poucos camiños para levalos a cabo”.

Así, Javier e máis o seu pai, que é quen aporta a experiencia e o saber facer no campo do bricolaxe, pasan horas perdidos no seu taller de traballo, intentando dar forma a ideas e moitas veces acabando en produtos distintos que saen “a partir de técnicas ou erros en deseños que xurdiron e non se levaron a cabo”.

Cal é o elemento que define e uniformiza aos deseños de Miolos Design? Javier fálanos da “materia prima, funcionalidade, e o feito a man na nosa terra” como os seus principais ingredientes. Materiais como coiro, madeira ou papel de alta calidade, así como os estampados a man e unha filosofía que une artesanía e deseño, son a clave para que esas bolsas de tea chamen a atención entre tanto tote, ou para que o “calendario perpetuo” pareza quedar ben en calqueira escritorio.

O reto que teñen todas estas novas marcas de produtos “da terra”, sostibles e respectuosos, e a de loitar contra o monopolio do low-cost. Os produtos de Miolos Design son alcanzables, pero evidentemente custan tamén máis ca equivalentes made in China. Javier cóntanos que neste ano que levan de negocio si están a notar unha evolución favorable, un aumento do número de persoas que son conscientes e que valoran feitos como a fabricación local, pero tamén apunta que se trata dun grupo específico, polo menos no seu caso. “Sempre xente de clase media-alta e apaixonada polo deseño, as vellas tradicións e os detalles”.

libreta_2606

De momento, iso si, a cousa vai pasiño a pasiño na boa dirección. Dunha infancia na que argallaba “cabanas, inventos e xogos distintos” na súa casa, Javier Prieto pasou a lanzar Miolos Design, con produtos que, ademais de na web, xa se poden mercar en tendas en Pontevera, Vigo, Santiago e A Coruña, ademais de Madrid, Valencia e Barcelona e diferentes pop-up stores nas que participan. Para o futuro a idea é seguir engadindo produtos ás súas liñas, centrándose especialmente nos obxectos de escritorio e no mobiliario de pequeno tamaño.

Imaxes | Miolos Design

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *