Se nalgún mercadillo tropezas coas camisas de Calias Clothes, seguro que non che van deixar indiferente. Pode que che gusten ou pode que non (aínda que eu apostaría que máis ben si), pero hoxe en día que todos andamos un pouco decepcionados coa moda, que ata moito do que é diferente acaba sendo semellante nesa diferencia, agradécese atopar algo que che faga parar e mirar.
E o máis curioso é que non o conseguen con prendas imposibles, ou deseños nunca vistos, senón con camisas de factura clásica, das de toda a vida, que se combinan con atrevidos estampados retro, orixinais e cheos de cor, que un non acostuma ver en camisas para mulleres e (moito menos para) homes feitos e dereitos. Aínda que estas atractivas camisas son só o punto de inicio. O obxectivo da marca é que os propios clientes participen na súa roupa, propoñendo retos ao deseñador, e mesmo facilitándolle esbozos do que queren. Crear una solución exclusiva, que só vestirá esa persoa.
Detrás de Calias Clothes está un mozo moi novo ao que, segundo nos di, coñecen polo nome de Calia. Cóntanos que, como todo nestes tempos difíciles, Calias Clothes naceu “dunha chispa, dun salto ao baleiro”, hai xa máis dun ano. Non tiña experiencia no mundo da moda, pero si sentimento, ganas, motivación, talento e “un corazón cheo de inquietudes, profundamente excitado por probar o doce mel do medo ao descoñecido, ao néctar do reto, ao morbo do “ti non podes””. E non lle vai nada mal desde entón, pois recoñece que está a vender máis do que esperaba, e que os clientes son especialmente atentos, enviándolle mensaxes de agradecemento e fotos coas súas prendas: “eles fanme sentir que se están a facer as cousas ben”.
O proceso de elección das teas é basicamente intuitivo, “require decenas de horas de busca, imaxinación e bosquexos. Habitualmente sucede como co amor a primeira vista, cando vexo unha tea que me transmite algo, póñome a traballar instintivamente e creo unha camisa virtual, que deixo no tinteiro un par de día, para observala e tentear a miña elección”. Ese proceso levouse ao límite coa colección “Pure Calias Clothes”, camisas de edición limitada realizadas con pequenos pedazos de teas 100% dos anos 70 e 80, importadas dos Estados Unidos. “É moi emocionante ter un anaco de tea tan antiga nas túas mans e conseguir que chegue para facer unha única camisa. Como creador, doe non poder quedar cunha igual para ti mesmo”.
As camisas custan, en xeral, entre 50 e 70 euros, e, a excepción das de edición limitada, acéptanse encargos e mesmo petición de cambios. Poden adquirirse a través da páxina web, pero tamén e fácil atopalas en distintos mercadillos e pop-ups por toda Galicia, xa que Calia intenta non perderse ningún.
Neste momento pódense mercar diferentes camisas, pero para o futuro próximo ten xa moitas outras ideas: desde chaquetas blazer estampadas ata unha colección infantil. Ademais, espera pechar unha colaboración cun ilustrador galego para facer o salto ás telas autoproducidas en 2015. Por ultimo, este mes incorporará a primeira camisa de chorreras, porque “poñelas de novo de moda é o obxectivo insignia de Calias Clothes”.