10 tendencias que seguirán de moda esta primavera 2015 (e que podes mercar nas rebaixas)

É época de rebaixas, o momento de esquecer a costa de xaneiro e gastar como se fósemos ricos. Mercar prendas e mais prendas de roupa que quizais nunca usaremos. Pelexar con alguén pola última saia á metade de prezo. Todo iso. Aínda que cada ano resulta máis difícil vivir as rebaixas a tope con isto de que cada tenda as comeza cando lle da a gana (que esta moi ben para facerse cos regalos de Reis, pero elimina a entrañable tolemia do 7 de xaneiro).

En todo caso non imos aquí a recomendar que leves unha lista da roupa que necesites e que cumpras con ela nin nada polo estilo. Iso si, en caso de que queiras mercar con cabeza, poñémolo fácil: hai 10 tendencias do outono que seguirán sendo cool esta primavera en moda de muller (así que mellor sumarse a elas con roupa de rebaixas que coa de nova colección). Agora só tes que buscalas.

1. Cor Marsala

Se o di Pantone, vai a misa. E aínda que teña ese nome tan sofisticado, ven a ser unha cor viño, un burdeos de toda a vida (que si, entrou con forza na tempada de inverno, polo que o temos nas rebaixas para dar e tomar).

2. Kimono

As chaquetas kimono de inspiración oriental seguirán a ser imprescindibles e nas rebaixas hainas de tódalas cores, materiais e estilos. E a prezos moito máis alcanzables.

3. Abrigo en cores pasteis

Os candy coat son outros que chegaron para quedarse: se trata de abrigos de paño en cores como o azul bebé e (sobre todo) o rosita.

4. Cadros gingham

Algunha vez saíches de casa cunha prenda de roupa e alguén che dixo que parecía que levases posto un mantel de cociña? Entón non precisas mercar nada disto nas rebaixas, en caso contrario, busca cadros a dúas cores.

5. Flocos

O estilo boho-chic ven acompañado dos famosos flocos, o queiramos ou non. Están omnipresentes en kimonos, ponchos e bolsos, pero en realidade hai moitas outras posibilidades.

6. Ante

Esquece o coiro: as cazadoras, as saias, as chaquetas e ata os pantalóns serán de ante este outono. E se te atreves a mesturar flocos e ante, non haberá cowgirl mellor ca ti. E serás tope trendy, ademais.

7. Anos 70

Vestidos ultracortos, rectos ou lixeiramente acampanados e con estampados psicodélicos, perfectos para un estilo disco retro e alegre.

8. Animal print máis innovador

O estampado de leopardo xa está moi visto, toca agora buscar prints de novos animais ou, polo menos, con novas formas. Iso si, o animal print de moda nunca pasa.

9. Colo alto

Non acabo eu de crer que iso se vaia ver na rúa en pleno maio, pero os grandes deseñadores si que colaron moito colo alto nas súas coleccións de primavera. O bo é que nas rebaixas de inverno será fácil atopar moito disto (logo xa decides ti ata cando o vistes).

10. Denim luxe

O tecido vaqueiro volve con forza primavera tras primavera, así que toca reinventalo: con pedrería, en vestidos de corte lady, con volantes e adornos…

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *