Se todas as prendas que vestimos e que están feitas de algodón (mirade as etiquetas do que levades posto e veredes que hai moito algodón: cando fas a proba, sorpréndeste) fosen en realidade de algodón orgánico, o mundo perdería ao 25% dos pesticidas. Non sería unha perda moi terrible, xa que os pesticidas que se empregan para manter os cultivos de algodón e que sexan rendibles non só afectan aos parasitos desta materia, senón que teñen un impacto maior que alcanza a outras plantas e animais e, por suposto, tamén aos seres humanos. Cada ano morren, de feito, unhas 40.000 persoas, segundo cifras da Organización Mundial do Traballo, por culpa de intoxicacións con pesticidas.
Estas non son as únicas cifras sorprendentes que deixa o mundo da moda (e que non son tan glamurosas como as pasarelas e os editoriais de moda). A industria téxtil é a responsable do 20% da contaminación das augas, por culpa dos residuos derivados das etapas como as de tintura e acabado dos tecidos. E tamén é culpable dun importante marxe de gasto de auga no planeta: se en lugar de mercar 5 camisetas, mercas 1, estarías aforrando o equivalente a 32.400 pratos de sopa.
Todos estes datos, que facían reflexionar, esperaban a quen se achegase á presentación de Latitude, unha nova incorporación á industria da moda en Galicia e que quere converterse, dende Santiago, nun eixe de referencia para as producións de moda sostible en Europa. E se os datos que mostraban os paneis non eran suficientes, sempre se podía participar na experiencia interactiva creada por Domestic Data Streamers, que convertían os nosos comportamentos coa roupa e os resultados das respostas a un moi esclarecedor test en parte dunha intervención artística. E se suspendías, como foi o meu caso, con notas un tanto vergonzosas (si, saquei un 3, espero que repitan algún día e recuperar a nota), os datos que acababas de ler facían que te sentises un pouco culpable.
“Pero non facemos isto para que ninguén se sinta culpable”, explicaban os organizadores cando llo confesabas. “Isto é para que descubras que as cousas se poden facer doutro xeito”.
E doutro xeito poden ser feitas, ou iso é o que eles pensan e o que defenden. E, por certo, facer da moda algo máis sostible non significa unicamente facer que a roupa sexa máis verde, senón tamén fabricar en proximidade ou recuperar traballos e capacidades que estaban sendo ou foran perdidas. Eles, por exemplo, están traballando para recuperar o traballo dos talleres de costura que durante décadas existiron en Galicia e conseguiron crear un know-how envexable sobre como facer moda. A deslocalización da produción de moda fixo que o que facían os talleres acabase en fábricas en China ou en Bangladesh, onde a man de obra resultaba máis barata (e penso que a estas alturas poucos consumidores non saben xa o por que desta situación).
Segundo datos que facilitan dende Latitude, o 15% do sector téxtil deslocalizado volver á zona chamada euromediterránea dende 2011 e os consumidores empezan a ser cada vez máis conscientes do que significa que toda a súa roupa sexa made in China. Ademais, as empresas están sendo cada vez máis conscientes de que os consumidores piden algo diferente (e os custes de levar a produción tan lonxe comezan a ser o suficientemente elevados para que non lles compense). A moda sostible (respectuosa co medio ambiente e respectuosa coas persoas) está collendo cada vez máis pulo: a previsión está en que en 5 anos a moda sostible sexa xa o 20% do mercado global da moda.
Todos estes cambios están creando un panorama novo (e bastante interesante) para a industria da moda e están propiciando a aparición de novas iniciativas que facilitan estes cambios e serven de chave para ese futuro un tanto, por así dicilo, máis xusto. E aí é onde volvemos aos nosos anfitrións. Latitude quere ser un “centro de referencia” na cuestión e cubrir todo o espectro da produción de moda sostible. Traballan dende o minuto cero, axudando a encontrar provedores que cumpran con estas ideas (teñen un showroom de tecidos sostibles) ou poñendo a contacto ás marcas cos talleres que poden desenvolver os seus produtos. Eles apostan pola reindustrialización do sector téxtil en Europa (e en Galicia se nos poñemos específicos, recuperando toda a tradición dos talleres das costureiras galegas), pero iso si facéndoo dun xeito distinto (os talleres cos que traballan, por exemplo, foron axustados para que sexan lugares de traballo moito máis agradables e esperan en seguintes fases facer deles lugares moito máis eficientes enerxeticamente ou con sistemas máis innovadores de traballo).
E o resultado de todos eses esforzos serán prendas de roupa “das que te podas sentir orgullosa”, dicíanme antes de lanzarme a facer o test e descubrir que da miña roupa en concreto orgullosa, o que se di orgullosa, non me podo sentir. Pero iso, claro, será só polo momento. O futuro, está claro, estará cheo de prendas moi diferentes.
¡Qué boa pinta!