Xa están aquí: os hipsters de LEGO

Sabías que faltaba algo na túa colección de LEGOs pero non tiñas moi claro que. Parecía que cubriran xa todos os temas posibles. Aínda así, ti botabas algo en falta. Agora, grazas a unha colaboración da marca do xogo co diario británico The Guardian, xa sabemos que era: aínda non había LEGOs hipsters! Eran necesarios por moitas razóns, empezando pola máis sinxela: moitos hipsters son fans xa na súa vida adulta das coleccións de LEGO. Aquí mesmo pedimos algún Nadal unha caixa temática.

The Guardian pediulle á marca danesa que fixese os deseños para marcar así o inicio da Semana da Moda de Copenhague, e o resultado é todo o que podíamos esperar: fixies, cascos grandes, barbas, gafas de pasta… A deseñadora de LEGO Tara Wike explicou as escollas para a roupa que levan eles e elas. “Os daneses son moi de ir monocromáticos, así que as rapazas hipster de LEGO visten de forma sinxela, en negro e gris, rematado coas ubicuas gafas negras de deseño. Para os homes, combinamos blazer con camisa e pantalóns de traxe; ademais dunha cazadora de coiro clásica con camiseta de raias debaixo. E por suposto, pelo facial. As barbas son importantes para os hipsters daneses, canto máis grandes mellor”.

E non, de momento non hai plans de poñelos á venta… mágoa!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *