Queridos Reis Magos: o que quere a redacción de Disquecool

Esta noite veñen os Reis Magos! E si, igual é un pouco tarde para escribir a carta, pero entendemos que son magos e que non lles importarán os encargos de última hora. Un ano máis, en Disquecool facemos a nosa carta, nesa na que cada un de nós pon todas as súas ilusións e os seus soños. Porque eh, por pedir que non quede.

cris

Cris pide:

Eu este ano quero pedirlle montóns de libros aos Reis Magos (para ter moito material para Librópatas, claro), pero hai algo que desexo aínda máis (e non me refiro a unha viaxe a Nova Zelandia, senón a un agasallo que uns reis máis humildes se poden permitir). Unha das miñas paixóns ocultas é mandar e recibir postais (aínda que este post sobre Postcrossing quizais vos fixo sospeitalo) e o pasado ano chegou á miña caixa de correos unha preciosa postal cunha portada de The New Yorker. O que quero pedir este ano é a colección completa: 100 postais con portadas da mítica revista americana.

raquel

Raquel pide:

Este ano empecei con moitos retos literarios. Estou a facer o reto literario de Librópatas, deixeime atrapar para facer unha versión do reto literario de Mark Zuckerberg e comecei o ano coa idea de non mercar nin un só libro durante xaneiro e ler todos os que teño pendentes na casa. Polo tanto, para os libros que quero só me queda a esperanza de que mos traian os Reis Magos. E quero (desesperadamente) ‘Damas en bicicleta: Cómo vestir y normas de comportamiento, que acaba de publicar Impedimenta. Tamén me faría feliz ‘Memorias do célebre anano Joseph Boruwlaski’, de Joseph Boruwlaski, que acaba de editar Rinoceronte e que son unhas memorias do século XVIII. E, veña, se pensades que debería desintoxicarme por completo e non pedir libros, quedaría ben contenta cunha cestiña de produtos de Naturavia, unha marca de cosmética de Ribadavia que me acaban de descubrir.

ana

Ana pide:

En 2014 abandonei Europa por primeira vez na miña vida e agora, claro, quero repetir. Así que o que lle pido aos Reis Magos é algunha viaxe, aínda que sexa dentro do continente! Se hai que buscar escusa para ir a un destino determinado nunha data determinada, os Reis poden regalarme uns billetes a Austin, Texas, en marzo, cunha entrada para ir ao festival South By Southwest (SXSW). Música e tecnoloxía! O paraíso! Pero vaia, se a crise chegou tamén aos Reis Magos, confórmome tamén con agasallos máis modestos deses que permiten viaxar doutra forma: libros e discos e, xa que Raquel deu a idea das caixas de suscrición, a min non me importaría probar unha desas de produtos da horta de temporada. Tamén quero que non remate ‘Mad Men’ e que Yahoo faga con ‘The Hour‘ o que fixo con ‘Community‘.

juan

Juan pide:

Como fun bo, pido tres cousas: 1) Escribir en 2015 os meus primeiros artigos en Disquecool, ademais de traballar nas sombras; 2) Un iMac para traballar só diante del e non en calquera sitio e a todas horas no portátil; 3) Un pouquiño de enerxía para cando me falte para cumprir os meus propósitos de Aninovo.

brais

Brais pide:

Para os Reis deste ano (a pesares de que non fun especialmente bo) pídolles algo moi moi simple: Idris Elba coma o próximo James Bond. Por que? Porque sexamos sinceros, ninguén agora mesmo faría un mellor axente 007. Despois, e se consideran que fun o suficientemente bo, non me importaría recibir de agasallo un bono “evitar colas” para Cineuropa ou un vale por 10 (ou 20, que este ano vén moi cargadiño) cañas na Sala Capitol. Ah, e o Falcón Milenario de Lego!!!

andres

Andrés pide:

Pois este ano vou pedir moitas cousas, e todas fáciles de conseguir, digo por se vos animades. No eido das fotos, e como capricho, un Zuiko 75mm f/1.8, por que creo que é un dos mellores obxectivos para Micro Catro Tercios. No dos cacharros con pantalla, e como non podía ser de outra maneira, a Nokia N1, a nova tableta da Nokia de toda a vida (elo, pensabades que Nokia morrera?). Respecto a bicis, aínda que sigo a ser fan das Peugeot dos anos 80, non vou negar que hai tempo que bebo os ventos por unha Surley Long Haul Trucker, aínda que unha Bullitt tampouco me facía dano. E se non, outra cousa que tamén me faría ilusión, é algunha brevaxe máxica que me axude a acabar a miña tese en pouco tempo.

Foto portada | Martius

Shares

2 comentarios

  • Tatiana di:

    Hola!
    os enviamos la semana pasada convocatoria de prensa para ir a la conferencia Diálogos Saludables que organizamos el próximo 18 de noviembre en Teatro Abanca de Santiago.

    Hablaremos sobre Aceites de Oliva y una mejor calidad de vida y tendremos a ponentes muy interesantes que hablarán de las últimas TENDENCIAS en alimentación.

    No encuentro ningún teléfono para contactar con vosotros y poder confirmar vuestra asistencia. Por favor, confirmadme si os puede interesar venir y entrevistar a algún ponente. Gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *