Volve Community: repasamos os seus mellores momentos musicais

Mañá é o día que levamos meses esperando: mañá volve ‘Community’. Non cremos que a estas alturas sexa necesario explicar de que estamos a falar, pero por se acaso es dos que cren que as mellores comedias son ‘How I Met Your Mother’ ou ‘The Big Bang Theory’, aquí vai a nosa pequena homenaxe a unha das nosas series preferidas.

De que vai ‘Community’? O argumento xa é en si atractivo: un grupo de xente que se reúne para estudar español nun community college (as universidades públicas de Estados Unidos que, segundo parece, son un pouco de broma). Temos de pronto a un grupo de xente moi estraña, de distintas idades e pasados, xuntas nun mesmo cuarto no que están ao mesmo nivel. Humor que moitas veces roza o surrealista, guións sen medo a meter a un personaxe racista e homófobo e antisemita (e que lle collamos cariño!), personaxes secundarios dignos de varios spin-offs, referencias non-stop a series, películas e cultura pop en xeral…

Non sabíamos moi ben como celebrar a volta de ‘Community’ tras moitos rumores de cancelación, así que decidimos facelo cunha pequena recompilación de vídeos nos que os personaxes cantan. Porque si, ‘Community’ ten de vez en cando os seus pequenos momentos musicais (e os seus ataques explícitos a ‘Glee’) e son a cada cal mellor. Aquí van!

7. Jeff (Joel McHale) e o decano (Jim Rash, quen por certo vén de gañar un Oscar como guionista por ‘The Descendants’) cantan Kiss From a Rose de Seal nun karaoke.

6. O rap da biblioteca. Un clásico desde o principio da serie: Troy (Donald Glover) e Abed (Danni Pudi) crean un fantástico (e sen sentido) rap en castelán mentres estudan.

5. Troy e Abed (son claramente os mellores cantantes) cantan Somewhere Out There, da banda sonora de ‘Fievel e o novo mundo’, para recuperar a un rato de laboratorio que fuxiu.

4. Intro musical da terceira tempada. A terceira tempada empezou ao grande, con todos os personaxes bailando e cantando sobre que daría este ano de ‘Community’.

3. Getting rid of Britta. Britta tivo un mozo hippy que, cando o deixaron, decidiu escribirlle unha canción na que non di cousas precisamente bonitas dela. Pierce está no seu grupo e remata por ter tamén un tema adicado a el.

2. A canción de Nadal de Annie. No episodio de Nadal deste ano os personaxes foron abducidos polo espírito do coro da universidade (si, o Glee club!) e un a un van convencéndose de unirse ao clube. O intento de Annie para facer que Jeff se converta é hilarante (e moi patético, como ben di el ao final).

1. Baby Boomer Santa. Nese mesmo episodio, cando tan só Abed e Troy están no Glee club, convencen a Pierce facendo un repaso pola historia da música pop realmente fantástico.

Bonus track:

Pierce (Chevy Chase) non é novo nisto da música, e xa lle quitaba protagonismo a Paul Simon no (segundo) vídeo oficial de You Can Call Me Al de Paul Simon alá por 1986. A bailar!

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *