Un disfraz equivocado: danza contemporánea e máscaras

Un disfraz equivocado. Compañía Cisma.

Ás veces chega a casualidade e coloca as cousas de forma que só se pode facer unha cousa. Iso é o que lle pasou dalgunha forma á compañía de danza Cisma, fundada en 2009 por Xiana Vilas e Isabel Sánchez, coa súa última obra, que terminou por converterse en ‘Un disfraz equivocado’ tras un cruce de casualidades que deixou cada cousa no seu sitio. Primeiro estaban a xogar co concepto de máscara, que en grego significa persoa. Despois apareceu un texto de Fernando Pessoa, un poema que aparece dentro de ‘A Tabaquería’, que acabou por dar nome á obra. Pessoa, ademais, significa persoa en portugués. A partir de aí, todo foi rodado.

‘Un disfraz equivocado’, que se representa esta fin de semana no Teatro Arte Livre de Vigo, busca “destacar aqueles aspectos que forman parte das nosas traxectorias como seres humanos”, pasando das vivencias individuais ás colectivas e vendo como, moitas veces, “os nosos intentos de diferenciación vense bloqueados polo colectivo”.

Un disfraz equivocado. Compañía Cisma.Os non habituados a ver danza contemporánea poden estar xa un pouco perdidos. Como se pode falar de cousas tan complexas tan só a través do corpo? Toca abrir a mente e decatarse de que Cisma, que desde 2011 conta tamén coa bailarina e actriz Fiona B. McCudden, é unha compañía diferente. “O noso interese particular é utilizar a linguaxe do corpo, o movemento e a danza, pero esta linguaxe, igual que as demais, pode abordarse desde camiños diferentes e de maneiras ben distintas”, explica Xiana Vilas, unha das fundadoras da compañía. Ademais dunha análise do que se quere transmitir, tampouco renuncian a outras formas de expresión como a voz. “Non nos gusta pornos límites, gústanos dialogar con outras disciplinas, como o teatro, as artes escénicas…”.

Que non lles gusta ter límites e non teñen medo aos riscos é algo que queda claro xa desde o momento no que un decide adicarse á danza. “Sempre foi un sector feble e delicado”, conta Xiana, e malia que tivo “un momento de auxe cando xurdiu o CCG co bipartito” coa aparición de moitas compañías novas, “a situación é algo diferente coa crise e o cambio de goberno”.

Iso si, a escena galega de danza contamporánea sobrevive e seguen a xurdir compañías e propostas. Xiana, non obstante, bota en falta tamén unha comunicación máis fluída co público. “Non sempre é así”, aclara, “pero a danza contemporánea vén sufrindo de certa desconexión con público nos últimos tempos”. A que se pode deber isto? “Ás veces dá a sensación de que hai un certo rexeitamento con respecto á idea do contemporáneo, por ser excesivamente intelectual ou aburrido”. A culpa, iso si, está repartida, e Xiana admite que tanto o público como os artistas teñen algo que ver.

O problema desa desconexión é que entón moitas veces, como público, quedamos sen ver propostas “moi interesantes e entretidas”. Vaia, que a danza é algo bastante cool, como ben saben nos países do norte de Europa, onde as institucións apoian e o público é “fiel e incondicional”. En Galicia aínda non se está nese punto, pero todo se andará. Oferta de espectáculos de danza non falta, só hai que saber buscar. A parte do público depende só de nós.

* Queres empezar a poñer a Galicia no mapa mundial (aquí somos así, imos sempre ao grande) da danza contemporánea? ‘Un disfraz equivocado’ estará este venres 16 e sábado 17 ás 21:30 e o domingo 18 ás 21:00 no Teatro Arte Livre de Vigo.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *