Os idus de marzo: sedución, ambición, corrupción

Os idus de marzoA última película dirixida por  George Clooney, ‘Os idus de marzo’, presenta, a través dos fíos condutores da sedución, a ambición e a corrupción, o mundo da política desde dentro.

O guión do filme está baseado nun libro escrito por un ex-conselleiro demócrata e conta, basicamente, como un brillante (e inxenuo?) asesor que traballa na campaña presidencial ás primarias dun gobernador vai perdendo os seus principios a medida que a campaña avanza e cada quen vai facendo os seus movementos (léase trampas).

Para empezar, o tema é apaixonante, probablemente podería sacárselle máis partido -un queda con certa sensación de falta de densidade-, pero sen dúbida o filme logra atraer o noso interese e seducirnos co seu ritmo de thriller, o coidado detalle das imaxes, pero sobre todo por pór de manifesto as argalladas que ocorren á sombra, mentres os políticos enchen os pulmóns de frases sobre as conviccións, a lealdade ou a integridade.

Ninguén vai  levarse xa as mans a cabeza, o que nos mostra ‘Os idus de marzo’ realmente é  o desencanto que xa todos intuímos. Porque finalmente ninguén é tan malo, pero cando o que necesitas a nivel práctico nunha campaña electoral son cartos, favores e apoios, cinguirte aos teus principios significa posiblemente nunca chegar a ter o poder necesario para ter onde aplicalos. Sábelo obriga a ser un pouco maquiavélico. E máis alá diso, claro, o novo, brillante e pode que inxenuo asesor comete errores. Pervértese. O gobernador carismático, íntegro e responsable está disposto a renunciar aos seus valores por conseguir o poder.  E todos, absolutamente todos os personaxes móstrannos que non hai nada por enriba do interese persoal.

Destaca a sobriedade interpretativa dos actores, necesaria para construír uns caracteres coherentes que dean sentido á historia. Os secundarios Philip Seymour Hoffman e Paul Giamatti fan un traballo excepcional . Clooney ten planta de sobra para ser un gobernador carismático e persoalmente o que menos me convence é o protagonista, Ryan Gosling.

Os idus de marzo contén unha reflexión  pesimista pero certeira sobre o mundo da política e as súas limitacións. Pero non creades que non hai sentenza: é posible ser feliz sendo un segundón, pero non sen respectarse a un mesmo. O último plano é deprimente, claro e concluínte ao respecto. Ai, manteñamos as nosas almas lonxe de traizóns, chantaxes, mentiras e cinismo. Ai, manteñamos as nosas almas lonxe da política.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *