Os filmes galegos existen: Festival Primavera do Cine

Primavera do cineCando foi a ultima vez que viches unha película galega no cine? Eu podo contar as miñas experiencias cos dedos dunha soa man, e en parte a culpa pode ser miña, pero na maioría a culpa é dos designios das redes de distribución.

Co obxectivo de dar a coñecer ese cinema galego que si existe, nace o “Festival Primavera de Cine“, que se celebrará en Vigo entre o 30 de maio e o 2 de xuño, e onde poderemos coñecer as longametraxes, curtametraxes e videoclips que se están a facer en Galicia. A iniciativa xurdiu no seo de dúas asociacións sen ánimo de lucro adicadas á produción: Musiquina 33 mg e O Reencanto Producións, e como explica a coordinadora Ana Laura Pereira, perante a necesidade de reencantarse. “En Galicia estanse a facer grandes películas, pero non hai maneira de que o público as coñeza, porque non chegan ás salas. Este festival quere encher ese baleiro, axudar a que coñezamos máis o noso cine, a subirnos un pouco a autoestima”.

Ana Laura Pereira sinala o paradoxo de que se estea a financiar cine galego que despois non se poda distribuír, que sexa posible ver eses filmes en festivais internacionais, pero non nunha soa sala comercial de Galicia. “Non temos porque ver sempre a historia de Brad Pitt en Texas, tamén podemos interesarnos por Manoliño en Ferrol”.

No festival poderemos gozar de distintas producións realizadas en Galicia e/ou por galegos, aínda por determinar, pois a convocatoria para a presentación de filmes continúa aberta ata o 25 de abril, tal e como podes ver nas bases do Festival. Pódense presentar producións en calquera das tres categorías (longas, curtas, videoclips) independentemente do xénero das mesmas (ficción, documental, animación…). En só unha semana, o festival xa recibiu máis de 20 proxectos de interese, o que mostra as gañas que lle tiñan os cineastas a un festival deste calado.

Ana tamén está segura de que o Festival será un éxito entre o público “A rolda de prensa foi moi exitosa, pero é que ademais nestes tempos de crise, de depresión, sorprender cunha iniciativa supón sempre moita ilusión. E nós o notamos tamén na xente”.

Para poder ver os filmes teremos que esperar ata o 30 de maio, cando probablemente (falta por pechalo co concello) se exhibirán as películas no Auditorio do Concello e no MARCO, e os videoclips en sesión de noite en La Fiesta de los Maniquíes. Os afeccionados ao cine de Vigo, contaremos, por fin, co noso propio festival.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *