O Festival Primavera do Cine de Vigo busca financiamento en Verkami

Xa hai datas e xa están anunciados os filmes que se amosarán no III Festival Primavera do Cine de Vigo. Agora, como sempre, faltan os cartos. Cartos para que todo saia o mellor posible, para poder facer cartaces, programas e entradas, para que os invitados espaciais non teñan que gastar nada coa súa asistencia, para organizar unha boa gala e festa de peche. De onde sacalo todo? (un enorme presuposto de 2.100 euros) Estamos no século XXI. O crowdfunding é a resposta.

É por iso que o Festival Primavera do Cine lanzou hai uns días unha campaña en Verkami co obxectivo de axudar á súa organización. Se tes pensado acudir a algunha das películas, é unha boa idea axudar agora: as recompensas ás aportas que dean os usuarios teñen case sempre forma de entradas, así que é só unha especie de compra anticipada. 

Pero deixemos os temas económicos feos e pasemos ao importante: cando? onde? que? A terceira edición do Festival Primavera do Cine de Vigo celebrarase entre o mércores 4 e o domingo 8 de xuño, cinco días que estarán cheos de longametraxes, curtas e videoclip saídos dos miolos de creadores audiovisuais galegos. O obxectivo do festival é o de todos os anos: ofrecer unha canle de exhibición a todos estes profesionais galegos para que as súas obras cheguen ao público. As proxeccións terán lugar no Auditorio do Concello, no salón de actos do MARCO e nunha sala do Casco Vello.

Como todo bo festival, a cousa non rematará nas proxeccións de creacións audiovisuais. Como nas dúas edicións anteriores, haberá exposicións, cine ao aire libre, concertos, coloquios e moitas oportunidades de interacción entre directores e público.

primaveracine

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará