Ain’t Them Bodies Saints: O cine coma un bico

Os grosos beizos da túa moza agarimando os teus mentres a rodeas cos brazos, o tímido encontro de dúas bocas nunha fracción de segundo no patio do colexio, o impacto de dous sorrisos na estación de tren despois de semanas sen verse… o éxtase, a sensualidade pura, a emoción, o sentimento. Ain’t Them Bodies Saints (mal traducida en castelán como ‘En un lugar sin ley’) é todo o anterior. É volver a ulir aquel perfume que non lembrabas, unha caricia que fai que se rice a pel, volver a oír a voz daquel a quen botamos de menos.

Custa defender as verbas de antes cando hai que recoñecer que a historia que conta esta película non é rebuscada nin complicada. “Un convicto fugado dubida se volver ou non ao seu pobo onde agardan a súa muller e a súa filla á que nunca coñeceu”: apenas vinte catro palabras poden resumir o argumento dun filme que está chamado a formar parte do cine de culto co paso do tempo. Pausado, sen excesos nin adornos innecesarios e esteticamente brillante a fermosa simplicidade catívame durante a escasa hora e media de duración.

Nun eterno contraluz co sol, a película xoga coas texturas e coa paleta de cores que se crean neste enfrontamento entre o astro e a lente da cámara, metáfora da dualidade entre ben e mal que representan as personaxes. O director xoga coa fotografía provocando sensacións que me permiten somerxerme na película saboreando, ulindo e ata tocando os escenarios polo que a metraxe discorre. Os minutos convértense en segundos mentres viaxo por todas estas sensacións coñecidas querendo máis cando me vexo baixo a escuridade dos títulos de crédito.

Ain’t Them Bodies Saints é un bico. Directo aos beizos, o filme bícanos suavemente ao longo dos 90 e pico minutos de duración, convidándonos a vivir nese bico ata o fin das consecuencias. Ain’t Them Bodies Saints é o bico. O responsable desas cóxegas no pescozo ao recordalo, o culpable das decisións que tomamos embobados por ese amour fou, o resultado de abandonarse ao impulso irracional que controlan as hormonas.

Ao igual que o amor, este filme non se pode finxir, e será cada un o que terá que decidir se atesouralo na memoria como un deses bicos que sempre lembraremos ou buscar outros beizos que bicar.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *