Penny Dreadful: a (escura) liña entre a obra mestra e o guilty pleasure

Penny Dreadful

É difícil contarllo a alguén e que os seus ollos non se abran moito cheos de incredulidade. “Estás a contarme que estás a seguir unha serie con vampiros, momias, Frankenstein, Dorian Gray e mediums?”. Sabes que están a pensar con certa preocupación en que foras ti quen recomendou ‘True Detective’, en que sempre tiveras un gusto exquisito en series, en que aínda que admitises ver merda, nunca a recomendarías en público. Eu son a primeira sorprendida (e preocupada) por esta perda de criterio que me levou a ver os dous primeiros episodios de ‘Penny Dreadful’ case sen respirar. Aínda non sei se recomendala porque aínda non teño claro se é boa ou mala.

A serie, estreada hai un par de semanas por Showtime, vén arroupada por grandes nomes: creada por John Logan, con Sam Mendes de produtor executivo, con Juan Antonio Bayona dirixindo os seus primeiros episodios. Para perdoar esas cousas raras que empezan xa na sinopse: estamos na Inglaterra victoriana, a finais deo século XIX. Sir Malcolm Murray é un señor ao que lle desapareceu a filla, e está a buscala coa axuda da misteriosa Vanessa Ives. Reclutan a xente para que lles axude: Ethan Chandler, un actor/asasino a soldo, un forense que… Viktor? Viktor Frankenstein?

A serie deixa claro desde o principio que non é apta para escépticos: Londres está cheo de asasinatos perpetrados por criaturas chegadas dese lugar entre a vida e a morte. Unha mestura de vampiros e extraterrestres exipcios (si, sei que non ten sentido iso que acabo de dicir, pero xa vos dixen que é todo moi raro) que despedazan a inocentes. A filla de Sir Malcolm, por certo, chámase Mina, así que xa sabemos todos que o responsable do seu secuestro ten que ser o conde Drácula. E de súpeto aparece por aí un rapaz novo e guapo, que resulta que é… Dorian Gray!

Que máis celebrities do mundo gótico victoriano aparecerán? Hai certo pracer nese momento no que empezas a sospeitar dun novo personaxe, a pensar que quizais sexa alguén do que xa oíras falar. Eu, por exemplo, estou convencida de que algún dos protagonistas é en realidade Jack o Destripador, pero xa o veremos ao final dos oito episodios. Porque si, como ‘True Detective’ e moitas outras, ‘Penny Dreadful’ terá temporadas curtas, con personaxes distintos en cada unha.

Todo este absurdo fascinante aparece cunha factura visual coidada e que axuda a transmitir esa sensación de que o Londres de finais do XIX non era o mellor lugar no que estar: escuridade, néboa, suciedade nas rúas, un contraste moi forte entre a xente pobre e eses ricos que van a festas en mansións. Cando a escuridade é tanta xa nada sorprende. Claro que hai asasinatos. Claro que hai vampiros e mortos devoltos á vida nos momentos libres de Viktor Frankenstein. Claro que os espíritos exipcios están a vingarse de todo o que roubou o Imperio Británico.

Obra mestra? Guilty pleasure? Rematará a serie e seguirei sen sabelo. O que si sei é que terei desfrutado de grandes actuacións (de verdade, unha esquece que a serie está protagonizada por Josh Harnett, ao igual que en ‘True Detective’ non te decatabas de que Rust era Matthew McConaughey), de escenas de ritmo lento nas que non podes respirar, e de pequenos momentos de emoción cando aparece un novo famoso da época. E de cliffhangers deses que obrigan a desexar o seguinte episodio con ansiedade.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *