Halt and Catch Fire: Mad Men descobre The IT Crowd

halt and catch fire

O éxito que tivo Mad Men (non de audiencia na súa primeira tempada, lembremos, pero si de crítica dende un primeiro momento) e a súa poderosa influencia en numerosos terreos posteriores (empecemos coa roupa e sigamos con practicamente calquera cousa) fixo que nos últimos tempos afloraran as series que querían ser – ou que encasillabamos sen dubidar como – o novo Mad Men. Intentouno a non moi acertada Pan Am, tamén lle puxemos o apelido a The Hour (aínda que non era o novo Mad Men) e así unha continuada lista, porque todas as televisións anglosaxonas lanzaron a súa propia serie de época con vestiario elegante, ambiente profesional e dramas persoais. Os conflitos tiñan que estar marcados por un xefe ambicioso e tiñan tamén que ter un personaxe de perfil profesional junior a quen xa se lle ve potencial.

E este último esquema (o da roupa bonita imos esquecelo) é o que cobre Halt and Catch Fire, a última serie de AMC, a cadea de cable que está detrás de Mad Men. Ademais hai que sumarlle anos 80 (a década que agora toca recuperar, xa sexa co Power Dressing, coa moda ou mesmo coas series de televisión sobre ese momento) e novas tecnoloxías. Porque pode que as series de corte histórico e que apostan polo dramón estean de moda, pero as novas tecnoloxías tamén semellan estar a converterse nun punto de interese para a industria da tele. Non esquezamos que a HBO acaba tamén de estrear a súa serie sobre techies, Silicon Valley.

Así que Halt and Catch Fire pode verse a todos eses niveis. Pode ser unha serie techie, pode ser un dramón e pode ser unha serie de época. Joe MacMillan é un executivo de contas que traballaba en IBM. Xa sabedes, un deses comerciais que van vender ás grandes corporacións as bondades do seus produtos tech.  Un día aparece en Cardiff Electric, unha empresa de tamaño medio e escasamente ambiciosa que xoga no mundo das novas tecnoloxías de Texas. Estamos a comezos dos anos 80 e, si, entón Texas era unha sorte de Silicon Valley, onde se fabricaban ordenadores e chips. Promételles vender moito, moito máis que a competencia, e é rapidamente fichado. Roubarlle alguén a IBM, a grande compañía do mundo dos PCs do momento, ten tamén o seu encanto. O que non saben é que coa fichaxe están abríndolle a porta ao caos, porque MacMillan vai xogar todo o sucio que poida para facerse coas ventas prometidas. Para iso, conta coa axuda (máis ou menos accidental) de Gordon Clark, un tipo que quixo ser un Steve Jobs e que quedou polo camiño, e de Cameron Howe, unha estudante de enxeñería que cubre o cupo de xenio incomprendido das TI.

No punto histórico e techie, a serie permite descubrir o mundo das novas tecnoloxías dos 80, cando todo estaba aínda por facer no terreo dos ordenadores persoais e cando IBM era a marca máis poderosa do mercado. Mercado de consumo! Só os visionarios conseguirán facerse cun anaco da torta da tecnoloxía de consumo, pero aínda no temos moi claro se MacMillan será un deses visionarios ou é un tolo.

E, a pesar da carga tecnolóxica, a serie non é unha serie sobre tecnoloxía (ou sobre emprendedores, ou sobre empresas TIC), senón unha serie sobre conflitos persoais. E aí é, se cadra, onde pode pecar máis, porque todos os conflitos aos que se enfrontan os protagonistas xa os temos demasiado vistos (e non parece que vaiain levalos dun xeito completamente orixinal). MacMillan ten algún escuro pasado do que non sabemos nada, pero que intuímos case na escena 1, cando o seu coche mega pijo e caro mata a un armadillo na estrada. Gordon Clark é o tipo que ten madeira de xenio (deseñou un ordenador super adiantado ao seu tempo) pero que fracasou nos negocios e agora é un máis da masa de traballadores alienados de Cardiff Electric. Ten que enfrontarse á muller (que lle di no primeiro capítulo que ela, polo menos, non pensa que é un xenio incomprendido, aínda que rapidamente sabemos que ela tamén podería selo: tamén estaba detrás do ordenador super adiantado ao seu tempo), a el mesmo e á súa vida mediocre. E  Cameron Howe é o xenio techie, coa particularidade de que nesta ocasión é unha rapaza.

A pesar do seu lanzamento por todo o alto (con preestrea en Tumblr incluída) a serie non acabou de despegar no seu primeiro episodio emitido en Estados Unidos en cuestión de audiencia. O primeiro episodio ofrece (e si, a pesar de todos os lugares comúns) unhas liñas que dan esperanza para pensar que os próximos poden ofrecer cousas moi interesantes (como un tratamento do mundo da tecnoloxía que non é o habitual ou un escenario diferente).

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *