Manhattan: o novo Mad Men ten bombas atómicas

manhattan

Así están as cousas. Nova serie. Ambientada en calquera momento do século XX. Xa o podemos dicir: é o novoMad Men‘. Xa vos falaramos de ‘Halt & Catch Fire’, que como novo ‘Mad Men’ ía un pouco dos pelos (porque os anos 80 teñen outra estética), agora toca falar do ‘Mad Men’ oficial deste verán. A pequena sorpresa da cadea WGN America, cunha premisa bastante atractiva. Anos 40. Novo Mexico. Unha vila secreta, chea de científicos e militares e as súas mulleres. Están a traballar nunha forma de vencer aos nazis. Armas nucleares. Falamos de ‘Manhattan’.

Baseada en feitos reais (Los Alamos foi realmente unha das vilas nas que Estados Unidos investigou sobre a bomba atómica, coma parte do Proxecto Manhattan), a serie segue aos científicos e familias dos dous equipos que están a desenvolver, cada un por un lado, unha bomba que poida aniquilar aos alemáns e poñer fin á Segunda Guerra Mundial. Un dos equipos, o que de momento ten todas as de perder, está liderado por Frank Winter, e ten á única muller que traballa no proxecto. Ao outro acaba de chegar Charlie Isaacs, un novo prodixio da física. O das bombas, claro, é o de menos.

E é que en Los Alamos non só viven os científicos, senón que tamén están as súas familias directas (as familias nucleares, por seguir no tema) e unha manchea de militares. Unha vida aparentemente normal na que todo se esaxera. A incomunicación marital agrándase cando os maridos non poden dicir ás súas mulleres en que están a traballar. O malestar crece cando descubres que todas as cartas que envías á túa familia de fóra pasan antes polos ollos dos militares. A vida segue igual, cos maridos nos traballos, as mulleres levando a casa e coidando os nenos, pero hai unha incomodidade latente. Ademais son xa os anos 40 e a sociedade está a cambiar. A muller de Frank Winter, por exemplo, é bióloga doctorada, pero en Los Alamos ten que resignarse a coidar da casa, lerchear coas veciñas e intentar salvar un matrimonio cun gran secreto no medio.

Hai moito de psicoloxía e moito de conciencia. Os personaxes non están a loitar en primeira liña, non poden ter pesadelos cos gritos do horror da guerra ou volver a casa en estado de shock. Viven tranquilos na vila, pero cunha loita interior moito maior: saber que están a traballar na ideación e creación dun novo tipo de armas que arrasarán con todo, que non distinguirán obxectivos, que deixarán morte e só morte por onde queira que pasen. Algún atrévese a propoñer traballar en algo menos mortífero, en armas de defensa. A resposta é que nalgún lugar de Alemaña Hitler ten a outros tantos científicos a pensar a súa propia bomba atómica. O tempo é ouro e é vidas, porque, ao igual que despois había que chegar á Lúa antes que os rusos, aquí había que chegar ás armas nucleares antes que os alemáns.

Os dous primeiros episodios sentan as bases do que veremos e axudan a ir coñecendo os personaxes e o ambiente. Eses desertos do sur de Estados Unidos, o sol sempre no alto, momentos nos que pensamos en ‘True Detective‘ (hai unha conversa nun coche no piloto que case parece unha homenaxe), unha vila cuxa localización é secreta (só ten un código postal, en Santa Fe), xente que intenta seguir a súa vida pese a toda a anormalidade que os rodea, e unha ambientación moi coidada. Si, son os anos 40; si, tamén temos vestidos bonitos.

Os veráns xa non son só terreo de repeticións de series e de estreas de cousas que nunca admitirás ver. Hai xa uns anos que os veráns traen sorpresas agradables. Aínda non podemos dicilo convencidos, hai que esperar para ver se as promesas son cumpridas. Pero coa boca pequena si queremos dicir en baixiño que ‘Manhattan’ é o ‘Hannibal’, o ‘Orange is the new black’, ou o ‘Dates’ deste verán.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *