Vale: o verán xa non é para as series de merda (na tele que interesa, que é a do outro lado do Atlántico, calquera lado en realidade menos este onde recuperan cousas como Noche de Fiesta…) e nestas semanas foron estreadas algunhas series moi interesantes. Pero o certo é que as series son o que nos mantén a medida que se achega a fin do verán (que é máis ou menos cando poñen nos centros comerciais os avisos de volta ao cole… alá polo 31 de xullo) e o que nos fai ter un aliciente para volver á rutina. A rutina será madrugar… pero tamén agardar con ilusión o novo capítulo da nosa serie favorita.
E como as series de época son para nós mellores que un caramelo para un neno, velaí van as que se esperan (ou xa están) para esta nova tempada televisiva.
Manhattan
Xa vos falamos de Manhattan con todo luxo de detalles hai uns días: a serie segue aos habitantes do lugar sen nome (tiñan un código postal e punto) da cidade no medio do deserto na que as mellores mentes do Estados Unidos do momento estaban a intentar crear a bomba atómica antes de que os nazis o conseguiran. Máis que a realidade da historia (en internet hai quen comenta que o docudrama que fixeron os de PBS, a tele pública, sobre o tema é mil veces mellor) céntrase nos conflitos entre os diferentes personaxes. Máis que certeza histórica, é unha serie para ver como un bo drama. Con vestidos e looks dos 40 incluídos.
Dramas profesionais, minorías que intentan facerse con un oco (eu teño moitas esperanzas de que a única rapaza do equipo consiga algún logro ben importante) e historias sentimentais son os ingredientes principais desta historias, ademais de unha ollada ao principio da era atómica.
The Knick
Tamén está xa no aire e tamén chega da tele por cable dos Estados Unidos: é como Anatomía de Grey (ou o drama médico que máis vos mole) pero no 1900. E a diferencia de Anatomía de Grey aquí poden (ou poderían) matar a todos os protagonistas se quixeran sen que fose tan chamativo. Xa vos aviso que no primeiro capítulo e nos primeiros minutos morre un deles (e tamén pacientes claro).
O Knick é o nome familiar dun hospital de Nova York, que atende aos pobres de solemnidade e tamén aos ricos (e hai un tráfico incrible entre as ambulancias para intentar facerse cos mellores casos) e que intenta estar á vangarda dos procedementos médicos. Para iso teñen ao doutor John Thackery, cocainómano e opiómano (a serie comeza con el nun fumadero de opio), que está un pouco tolo (pero todos sabemos que así son os xenios que conseguen grandes cousas). Sumádelle prometedor doutor (pero negro… para espanto de Thackery e da metade do hospital), rapaza rica que é a patroa do hospital (e que como pon a pasta pon as normas), enfermeira chegada do remoto campo e os dous médicos non tan prometedores con ganas de medrar. Ao parecer intentan ser fieis á época, aínda que visualmente a serie teña toques modernos.
Outlander
É a outra estrea forte de finais do verán e podería ser o novo Xogo de Tronos. Está baseada nunha saga de ciencia ficción (ou de novela romántica, que é como a venderon dende o principio porque a axente da autora sabía que daquela – principios dos 90 – a ciencia ficción non vendía nin unha décima parte do que a romántica) asinada por Diana Gabaldon e que é un fenómeno global.
Claire Randall é unha enfermeira en 1945 que acaba de saír da II Guerra Mundial e que viaxa co seu marido a Escocia, pensando que esta segunda lúa de mel lles permitirá reconectar (ela estivo na fronte e descubriu o que é ser unha muller libre, el estivo no espionaxe deseñando operacións que mataron a unha morea de xente e ten remorsos). Pero Escocia xa sabemos que é unha terra misteriosa e máxica e Claire acaba viaxando no tempo ata o século XVIII e nos brazos dun highlander. Vai ser moi exitosa, xa veredes, e os da academia do gaélico (ou a institución que vela porque non desapareza) é posible que estean a chorar da alegría porque… sabedes en que lingua se falaba moito no século XVIII en Escocia?
Cilla
Aínda non está en antena e tardará posiblemente un pouco: é unha das apostas de ITV, a cadea de Downton Abbey, para o outono. Está ambientada no Liverpool dos Beatles, alá polos anos 60, e segue os pasos dunha rapaza, Cilla, que quere ser alguén na vida e pasa de mecanógrafa a estrela da TV. Se cadra é como se a TVG fixese unha tv-movie sobre Ana Kiro, pero todos sabemos que a tele británica consegue que nos enganchemos a calquera cousa.
Na lista de series históricas de ITV para o outono tamén hai unha sobre un pastor detective, Granchester, ambientada nos anos 50 (“Alto, con cabelo castaño, ollos do color das abelás e educado, Sidney chega onde a policía non pode”, así é como a resumen na súa web oficial) e unha ambientada no século XVII no incendio terrible que asolou Londres e que a levou a cinzas.
Galavant
Sinceramente non teño moi claro o que vai saír de todo isto e se nos gustará ou a aborreceremos: será este o novo Sleepy Hollow, a serie tan WTF da tempada que acabas amándoa? Galavant é a Idade Media, os contos de fadas, unha comedia, un musical e todo mesturado coa materia de Bretaña. Estará Chrétien de Troyes revolvéndose na súa tumba?
Chegará cunha midseason cando Once Upon a Time (esa serie pola que eu non apostaba un duro e xa vedes) tome vacacións.
E por suposto volverá Downton Abbey (con nenos xa máis ou menos crecidos: conseguiron un Georgie cun parecido bastante notable co seu defunto pai, Matthew Crawley) e pola volta da primavera (aínda temos que agardar) Mad Men. En España rematará Isabel… e comezará…. Carlos I de España e V de Alemania. Pode que teñan en conserva 14 de abril. La república ata que o mundo remate (aínda non estrearon a segunda tempada… por motivos… presupostarios), pero as series imperiais non teñen tan mala sorte.
1 comentario