Agora que xa non queda nada para que remate o ano, toca ir empezando a facer valoracións e, sobre todo, listas! Empezamos polas series e, por primeira vez, a nosa lista inclúe só estreas deste ano. Así de bo estivo o nivel de novas series (aínda que tamén hai mini-series, si) en 2014, cheo de pequenas grandes xoias, de grandísimos repartos (todos os actores de cine queren saír na tele!), de bandas sonoras impresionantes e fotografías inmersivas. Estas son as mellores series novas de 2014:
10. Happy Valley (BBC One)
No Reino Unido saben facer series que non son de época e ‘Happy Valley’ é un exemplo perfecto: trama policial na que a sarxento Catherine Cawood intenta resolver o secuestro dunha nena. Por suposto, a cousa vai despois moito máis alá, con distintas tramas aparentemente non relacionadas que encaixan á perfección, moito realismo e esa diferencia, a de cambiar das series policiais de Estados Unidos a un universo típicamente inglés.
9. Halt & Catch Fire (AMC)
Empezou, para o meu gusto, algo frouxa, tanto que despois de ver o piloto estiven varias semanas sen seguila. Pero despois pouco a pouco esta serie sobre o inicio do mundo dos ordenadores persoais nos 80 foi tomando forma e gañando forza. E non hai que ser un friki para desfrutala: hai paixóns, traizóns, historias de amor, e personaxes torturados. Iso si, non busques tampouco un ‘Mad Men’ dos 80.
8. Penny Dreadful (Showtime)
A liña que separa as obras mestras do lixo é moitas veces moi fina, polo que é inevitable ver ‘Penny Dreadful’ un pouco con esa sensación de guilty pleasure. Sigo sen saber a que lado da liña cae, pero é indiscutible que engancha cos seus cliffhangers perfectos, con todo o imaxinario do terror victoriano e gótico, e con ese esperar que ademais de Frankenstein, Dorian Gray e Drácula aparezan máis celebrities da época.
7. Transparent (Amazon)
A historia dun pai de familia de case 60 anos que decide, xa cos fillos criados (aínda que perdidos), saír do armario e contarlle a todo o mundo que el é realmente unha muller. En dez episodios esta serie orixinal de Amazon cóntanos a súa nova vida, como o toma a familia, etc. Ten momentos de humor, pero que o vendan como comedia é algo esaxerado.
6. Olive Kitteridge (HBO)
Miniserie de só catro episodios na que verás a Frances McDormand, Bill Murray, Richard Jenkins, Zoe Kazan, Martha Wainwright e moitísimas máis caras coñecidas. O que importa, iso si, é a historia e a súa protagonista, Olive Kitteridge, unha muller desagradable, antipática e amargada que, grazas aos seus sorrisos irónicos e miradas cruzadas co seu marido logra roubarnos o corazón.
5. Fargo (FX)
Outra miniserie! Son fantásticas para fins de semana longos ou de choiva, por certo. Neste caso volvemos á historia que xa levaron ás pantallas grandes os irmáns Coen hai case vinte anos. Máis que á historia, volvemos ao ambiente e tema e espírito de humor negro. Temos a Martin Freeman e a Billy Bob Thorton, que máis queremos?
4. The Knick (HBO)
“A cirurxía non foi sempre unha ciencia”. Con esa premisa e con Clive Owen como protagonista arrinca esta serie ambientada no ano 1900 que segue os primeiros paso do mundo da cirurxía e que non é apta para estómagos delicados (non é boa idea vela mentres comes). Cunha sorprendente banda sonora, basada máis en sons electrónicos que da época, e uns personaxes bastante magnéticos, foi sen dúbida a revelación do verán. Ah, e dirixida por Steven Soderbergh!
3. The Affair (HBO)
A historia de Alison e Noah, que se coñecen un verán cando ambos están felizmente casados e teñen unha aventura. Iso é todo? Claro que non. A serie está contada desde ambos puntos de vista e, ademais, agocha tamén unha investigación criminal. Con Dominic West (‘The Wire’) e Ruth Wilson de protagonistas, ambos nominados, ao igual que a serie, para os Globos de Ouro.
2. You’re the Worst (FX)
A serie que din que reinventou a comedia romántica: tanto el coma ela son a priori seres algo desprezables (“o peor”) e ningún dos dous quere unha relación. Con iso claro desde o principio, inician o que cren que é algo puramente sexual… aínda que todos sabemos que non será así. Hilarante e con momentos brillantes, unha imprescindible do ano.
1. True Detective (HBO)
Que dicir de ‘True Detective’ que non se teña dito? A nós namorounos e obsesionounos desde o primeiro minuto, pasamos a mirar a Matthew McConaughey con outros ollos, e cando rematou sentimos un baleiro existencial enorme. Os ríos de tinta que provocou o final e a ira de moitos fans non son máis que a proba do que é unha serie cunha finalización que non pode estar á súa altura (porque é sinxelamente imposible).
Mención especial: Homeland
Non é nova, claro que non, pero merece unha mención especial por agasallarnos aos que lle demos unha oportunidade a esta cuarta temporada cunha volta ás orixes. Lembramos por que nos obsesionaba ‘Homeland’, por que Claire Danes merece moitos premios e o que é estar pegado ao televisor ordenador semana tras semana.