Falar de rockumental (concepto creado para, evidentemente, describir aquelas obras que unen rock e documental) é falar, inevitablemente, de This Is Spinal Tap. O falso documental de Rob Reiner, estreado en 1984, contaba a vida dun inexistente grupo de heavy metal e as múltiples e misteriosas desaparicións de membros do mesmo así como describía a foram de traballar dunha banda que usaba uns amplificadores que chegaban ao 11 porque “a maioría de bandas só chegan ao 10. Nós damos un punto máis”. Así, un vistazo rápido a Mistaken For Strangers pode facernos crer que estamos ante un filme parecida cando descubrimos que ten por protagonistas a unha banda de rock, The National, e ao irmán heavy e descarriado do cantante, Tom Berninger. Porén, se a historia de Spinal Tap era ficción e na propia parodia radicaba o seu humor, nesta é a pura realidade a que fai auténtica esta película.
Ao contrario do que poida parecer, Mistaken For Strangers non ten como protagonista á banda The National, senón que os emprega a modo de localización. A experiencia como roadie do grupo do seu irmán, a relación co mesmo e os medos do propio director obrigarano a abandoar a súa idea inicial e deixar que o filme xire de forma radical. É a propia realidade á que termina por “dirixir” a película cara un punto que o director non imaxinaba ao inicio. O que parecía un rockumentary convírtese nun ‘selfmockrockumentary’, termo que precisamos inventar para describir de forma xusta esta película. Documental en tanto a que recoller, seguindo as normas propias do xénero a vida da banda, do propio director e a relación entre ambos; rockumentary posto que ten por protagonista/escenario a The National; e mockumentary xa que a visión do director sobre o grupo e si mesmo é áceda e irónica.
Partindo da incorporación de Tom Berninger ao equipo de roadies de The National para a xira europea, a película comeza como un desorganizado documental sobre a banda de Cincinatti. A falta de preparación do director, a inexistencia dun plan de rodaxe ou dunha idea sobre a finalidade do documental, fará que a produción se avance sen centrar o seu rumbo ata os últimos minutos. Rodado durante o seu traballo na xira, a película combina secuencias de cámara en man con outras mellor producidas, creando un ambiente no que, ás veces, as secuencias parecen ficcionadas.
Como se se tratase dun work-in-progress, o filme vai cambiando a súa perspectiva pouco a pouco ata perder de vista a banda e a xira e centrarse na figura do director Tom Berninger. De documental a exercicio de autocoñecemento, a película convértese nun viaxe interior do protagonista e director no terá que superar os seus medos, o seu complexo de inferioridade ante a fama do seu irmán e a súa mala sorte. Mistaken For Strangers convértese nunha contra atrás sobre se o propio documental se chegará a rematar.
Tom Berninger é aquí unha especie de Mark Borchardt, protagonista da xenial American Movie (1999, Chris Smith); e ao igual que Mark, acaba retratándose durante o proceso de creación do seu filme: son os seus medos e as súas limitacións autoimpostas as que evitan que remate a súa obra e non o seu entorno, que, aínda que contribúe, pouco ten que ver. Despedido aos poucos días da xira, o agora ex-roadie terá que afrontar unha crise que fará que remate por autoretratarse no documental, desbotando a idea de centrarse na banda. Como dous espellos encontrados, a medida que avanza o metraxe a figura entre o Tom da realidade e o Tom filmado polo dispositivo vaise difuminando ata finalmente desaparecer.
A mala sorte sempre se ceba cos perdedores. Quizais por iso, Tom Berninger é un dos protagonistas de documental co que máis empatía se consegue. Golpe tras golpe, a nosa relación coa pantalla convértese na dun familiar que busca animar, pero tamén correxir, a un protagonistas que nin busca nin quere axuda. Se ben o propio visionado asegura que o documental se chegou a realizar e estrenar como unha obra máis, é necesario coñecer a viaxe e, en certo modo, odisea de Tom, para comprender esa visión agridoce de que significa ser o irmán dunha estrela de rock.