Cineuropa 2014: tres semanas de cine, tres películas que non podes perder

La french

Rematou Cineuropa e cómpre facer valoración da edición deste ano. Moitas películas, e tamén moitas colas, foron a constante durante 3 intensas semanas. Desde cine chegado dos ‘70s hollywoodienses ata filmes polacos ou suecos que buscaban reinterpretar a sociedade dunha nova forma. Boas películas e malas, porque non nos enganemos, é imposible compartir ao 100% os gustos dun festival que todos os anos arrisca por traer ese cine enxordecido e agochado nas grandes salas. E, se ben son as menos, algunhas películas fixéronse, de forma merecida, co cualificativo “ladrillo infumable”. Porén, e partindo da base que un servidor non se puido ver toda a selección do festival, hoxe salientaremos tres filmes que, dalgunha forma, resaltan sobre o resto. Este é o caso de The Salt Of The Earth, Güeros e La French.

Comezamos polo final, polo filme francés La French. Un thriller policíaco protagonizado por un Jean Dujardin que enche o cine con tan só esbozar un leve sorriso. Imitando ao mellor Scorsese, o filme é unha montaña rusa de emoción e acción que nos sitúa na ‘French Connection’ que abastece aos Estados Unidos de heroína. Gravada con algúns luxos, un non pode deixar de lembrar ese cambio de escena cando o xuíz Pierre Michel sae da discoteca despois de descubrir a ‘Tany’ Zampa en plenas negociacións. Tamén de obrigada mención é a banda sonora. Unha coidada selección de cancións populares francesas, e versións de outros clásicos como o ‘Bang, Bang’ de Nancy Sinatra en francés, que fan que a película cre un ambiente e universo único e irrepetible. Onde están os tópicos sobre o cine francés agora? Cédric Jimenez abofetea na cara cunha película sucia, trepidante e da que é imposible escapar.

Da acción trepidante ao documental máis persoal, The Salt Of The Earth, unha das primeiras películas que se pasou nesta edición de Cineuropa. O documental analiza a vida e traballo do fotógrafo Sebastiao Salgado, coñecido polo seu traballo en lugares como testemuña da fame, as guerras, os éxodos e a explotación laboral. Cun estilo moi próximo ao de Errol Morris ou Werner Herzog, dou expertos nisto de facer documentais inesquecibles, Wim Wenders únese a Juliano Ribeiro Salgado (fillo do fotógrafo) para realizar un retrato que nos levará ata os aspectos máis escuros da humanidade.

The Salt Of The Earth é un documental duro, moito. A parte central do filme é dunha realidade crúa que fai que o nó no estómago fique aí ata varios días despois. Porén, e por sorprendente que pareza despois de resaltar a dureza do documental, o final é absolutamente esperanzador e fermoso. As bágoas son incontrolables ante o que vemos na pantalla. Persoalmente, o mellor do festival deste ano e, sen dúbida, un documental que non me cansarei de recomendar unha e outra e outra vez.

Para rematar, nada mellor que sinalar un destes filmes que, en principio, pode pasar desapercibido. É o caso de Güeros, a road-movie mexicana de Alonso Ruiz Palacios, que deixou a máis de un (nos que me inclúo) coa boca aberta. A trama é sinxela: dous irmáns e un amigo van na procura dun músico, Epigmenio Cruz, que puido salvar o rock nacional. Con esta premisa, a película consegue facer un retrato da realidade mexicana non exenta de autocrítica para o sector do cine (son varios os momentos de parodia a clásicos como Los Olvidados de Buñuel ou toda a secuencia que transcorre durante a premiere dun filme).

Pero, se algo é necesario destacar iso é o tratamento de son, co que o director xoga a pracer creando ambientes e efectos espectaculares. A película ten un estilo inconfundible cunha cámara que, moitas veces, é máis un espectador que persegue á acción que un mecanismo de mera gravación. Sen dúbida, Gúeros é a sorpresa dun festival que, un ano máis, deixou con ganas de máis a unha cidade que queda á deriva fronte a un Nadal cargado de éxitos Disney no horizonte.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará