Evidentemente esta selección de filmes responde ao criterio editoral unificado da revista persoal do que asina. Por iso, non vós sorprendades se The Hobbit ou a última de Woody Allen nesta lista (si, recoñezámolo dunha vez, todos o queremos pero as últimas películas non lle fan sombra aos clásicos del) non están na selección. Porén, como de que ano é unha película é algo complicado, este ano o criterio xeral é a data de estrea en salas, por iso, algunhas películas de finais do 2013 entran nesta lista. E deixemonos de falar e vexamos as 10 afortunadas escollidas:
10 – Cold In July – Jim Mickle
Sucia, violenta e divertida. A película protagonizada por Michael C. Hall cóntanos unha desas historias de tomar a xustiza pola man dun mesmo. Rápida de ritmo e ben feita, é ideal para aqueles que gozamos do cine de acción con algo de humor.
9 – Magical Girl – Carlos Vermut
A película da que todo o mundo falou e da que todo o mundo segue a falar. Un pai chantaxea a unha muller para poder mercarlle un agasallo á súa filla con cancro. Cargada de humor negro e interpretada por maquinóns como Bárbara Lennie ou José Sacristán, é imperdonable non vela.
8. Ain’t Them Bodies Saints – David Lowery
Sen grandes xiros dramáticos nin unha trama rebuscada, a película golpea a retina imprimíndose nela. Salientable é o perfecto uso dunha paleta de cores que, xunto coas texturas, ofrece cada plano deste filme, especialmente aqueles nos que sae a fermosa Rooney Mara. Recordando a Badlands de Malick, Lowery fai aquí unha apoloxía do amor.
7. The Grand Hotel Budapest – Wes Anderson
Desta volta, a historia tratará de solucionar un problema de herdanzas e amoríos no hotel Budapest situado en Zubrowka. Non é Fantastic Mr. Fox pero tampouco é unha mala película. E si, sae Bill Murray!
6. Encallados – Alfonso Zarauza
De obrigada visión para os cinéfilos galegos. Con humor e autocrítica, Zarauza rise dos seus fracasos e dos problemas para sacar adiante unha película, Os Fenómenos (que está agora mesmo nos cines). Contando un tema tan tabú e doloroso para os galegos como é o Prestige, a película fainos reflexionar e rir a partes iguais mentres nos movemos polas zonas menos coñecidas dun Santiago de Compostela en branco e negro.
5. Coherence – James Ward Byrkit
Collede papel e lapis cando vexades esta película porque senón ides tolear. Ciencia ficción e cine independiente mestúranse para crear unha cinta de viaxes temporais, universos paralelos e terror psicolóxico. Premiada en Sitges, a película é perfecta para todos aqueles amantes dos crebacabezas.
4. Her – Spike Jonze
Joaquin Phoenix, mola. Spike Jonze, mola. Scarlett Johansson, mola. Precisas algo máis? Probablemente a máis bonita historia de amor feita no cine dos últimos anos despois dos primeiros dez minutos de Up!.
3. The Wind Rises – Hayao Miyazaki
A todos partíusenos o corazón cando soubemos que esta ía ser a última película do mellor director de cine de animación da historia do cine. O creador de Totoro ou Porco Rosso despídese cunha película que fai bandeira do seu país mentres nos deixa esa mensaxe de que todo é posible con perseverancia. Perfecta película para despedir ao mestre Miyazaki.
2. The Salt Of The Earth – Wim Wenders
Este documental, centrando no fotógrafo Sebastiao Salgado, ofrece unha panorámica polos episodios máis tristes e escuros da humanidade. Duro e triste o documental consegue rematar cun alegato optimista e esperanzador que ataca directamente ao aspecto máis emocional dos espectadores.
1. The Wolf Of Wall Street – Martin Scorsese
Dúas palabras: DiCaprio + Scorsese. Que malo podía saír de aí? A película sabe xogar á perfección coa súa duración (3 horas) facendo que en ningún momento o ritmo decaía. Retratando o máis extravagante e oculto lado dos brokers de Wall Street a película serve tamén para facer unha analoxía co momento de crise que temos e de quen é a culpa. A perla da película: a secuencia de DiCaprio tratando de coller o coche… ou a do restaurante con Matthew McConaughey… é imposible quedarse con só unha escea!