True Detective: a escura nova xoia da HBO

True Detective

Cada mes de setembro, xaneiro e incluso xullo unha chea de series novas chegan ás principais canles de televisión. Entre elas están esas polas que ninguén dá un céntimo, as que pasarán sen pena nin gloria e as que veñen coa perigosa etiqueta de “promesa”. Algunhas conseguen estar á altura. A maioría son criticadas unha e outra vez por esas expectativas tan altas que nos fixeron crear. E despois están as que rompen con todo, as que nos deixan coa boca aberta durante os minutos que dura cada episodio, as que nos fan contarlle a todo o que nos pregunte (e incluso sen que ninguén nos pedira opinión) que é unha obra mestra. ‘True Detective’ pertence a esta última categoría.

Podemos quedar na sinopse e pensar que é unha serie de policías calquera, outra máis, a típica na que os dous compañeiros non se levan ben, pero rematan por non poder vivir o un sen o outro tras resolver casos rápidamente grazas aos seus privilexiados intelectos. Nada máis lonxe da realidade: ‘True Detective’ é unha serie sobre dous policías compañeiros que non se levan ben e con intelectos privilexiados, pero aí acaban as similitudes. Estamos ante algo moito máis escuro e triste. Estamos ante algo demasiado diferente.

De que vai exactamente, queres saber? Temos a Martin Hart (Woody Harrelson) e a Rust Cohle (Matthew McConaughey), dous antigos policías aos que en 2012 chaman para reconstruír un caso que resolveran xuntos en 1995 porque os archivos foron destruídos por un furacán. Declaran por separado e hai dez anos que falaron por última vez. Os seus relatos serven para contar a historia dese caso (un asasino en serie) e, sobre todo, para profundizar nas súas personalidades e na súa relación, que nunca foi boa.

Así, a través de flashbacks a 1995 coñecemos aos dous policías. Martin Hart é o normal: sociable, casado e con dúas fillas, apreciado no traballo. Rust Cohle é o raro: pouco falador (“menos cando queres que cale a boca”, di Hart sobre el), cunha visión do mundo moi escura e sen esperanza (ser pai, di nun momento, é un pecado, é forzar a alguén a vivir neste mundo terrible), cun pasado bastante tormentoso e, como non, moi intelixente. Quizais a diferencia principal entre ambos sexa que Rust Cohle aceptou que no fondo é malo e que Martin Hart engánase sobre si mesmo, con argumentos pouco convincentes. Vemos o seu día a día, a rutina dun caso (porque nos casos hai rutina) que avanza despacio mentres os xefes os presionan para ter un sospeitoso que presentar aos medios.

En 2012 hai moitas incógnitas. Martin Hart segue a ser máis ou menos o mesmo, con menos pelo e algo máis gordo. Rust Cohle pasou de ter un aspecto meticuloso e coidado a levar o pelo longo e perilla, ademais de ser un alcohólico confeso. Non sabemos como acabou o caso de 1995, por que non se falan, por que ese interese súbito da policía en reconstruír a historia centrándose tanto nas súas personalidades e na súa relación. Todo avanza de forma lenta, pouco a pouco, como se estivésemos nós tamén a conducir por unha desas interminables estradas da América profunda atopando paisaxes desoladoras.

Unha serie construída a base de acertos e boas decisións que ademais prometen que o nivel non pode baixar: os oito episodios desta primeira temporada (van dous emitidos) están escritos polo mesmo guionista, o seu creador, Nic Pizzolatto, e dirixidos pola mesma persoa, Cary Joji Fukunag, algo nada habitual na televisión actual. Estamos, polo tanto, máis ante un filme moi longo, contado en oito episodios, que ante unha serie ao uso (de feito, a segunda temporada terá unha historia e un reparto completamente distinto). Unha historia que se apoia nunha fotografía impresionante e tan escura e triste como require o proxecto, e nunha banda sonora igualmente acertada. E despois están os actores, que merecen un parágrafo aparte.

Matthew McConaughey, onde estiveches todo este tempo? Si, si que o sabemos. En comedias románticas, saíndo con Penélope Cruz, e tamén nunhas cantas películas que si paga a pena lembrar, pero está claro que alá por 2011 as cousas cambiaron. Mira en Wikipedia a súa filmografía: é xusto aí cando de súpeto todas as súas interpretacións empezan a encherse de nominacións e premios. Agora vén de gañar un Globo de Oro ao Mellor actor por ‘Dallas Buyers Club’ e está nominado ao Oscar. E temos moi claro que a súa interpretación de Rust Cohle non vai pasar inadvertida tampouco.

Claro que McConaughey contaba coa vantaxe dun personaxe perfecto, magnético, escuro e complexo (de feito a idea era que el fose Hart, pero ao ler o guión pediu ser Cohle). O de Woody Harrelson é menos espectacular a priori porque o personaxe de Martin Hart é menos especial. Non ten esa mirada vacía, nin alucinacións (si, amigos), nin é un completo asocial. Pero Harrelson sabe interpretar esa normalidade que rapidamente descubrimos que é ben fea tamén á perfección. E deixa que McConaughey lle roube protagonismo sinxelamente porque é así como ten que ser.

Podería seguir porque estou en fase obsesión, pero non o quero facer. A idea é que agora vaias correndo a ver ‘True Detective’ e conclúas tamén que é unha obra mestra. “Claro que son perigoso, son policía”, di Rust Cohle nun momento. “Podo facerlle cousas terribles á xente con impunidade”. Benvidos ao lado máis escuro da xustiza.

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *