Se seguides ‘True Detective’ (non vou a insistir no que vos estades a perder se non o facedes, é cousa vosa) seguro que estades a contar os días ata o vindeiro luns, cando no voso programa de torrents favorito aparecerá o oitavo e último episodio. Quizais esteades a pasar a semana intentando non pensar no tema ou quizais esteades a profundizar na obsesión vendo todos os episodios de novo para coller todas esas pistas que agora sabes que si eran importantes. Ou, se sodes deseñadores, é posible que teñades pasado os últimos días creando ilustracións baseadas na serie de HBO. E, de paso, intentando darlle a todo algo máis de sentido.
Iso é o que fixo o deseñador e ilustrador Nigel Evan Dennis cando, tras ver o episodio 4 non aguantou máis e empezou a crear unha serie de ilustracións minimalistas sobre os símbolos e personaxes da serie, analizando relacións e quen ten máis papeletas para ser o Yellow King (agora xa o sabemos, ou polo menos iso nos fixeron crer no episodio 7). E xa postos a facer ilustracións sobre unha serie que ten tolo a medio Internet… por que non vender as láminas?. Deixámosvos aquí as 12 ilustracións sobre ‘True Detective’ de Nigel Evan Dennis. Pero non vos perdades a súa web, www.wekeeptheotherbadmenfromthedoor.com (si). Parécenos unha homenaxe ao nivel axeitado.