10 series novas para este outono 2015

Empeza setembro e xa vemos o principio do outono con claridade no horizonte, pero non debemos deprimirnos con iso de que remata o verán. O outono significa tamén que se estrean moitísimas series (demasiadas?), que teremos quizais un novo ‘True Detective‘ (lembrades cando falabamos de que teríamos un novo ‘Lost’?). Para que cando chegue o mal tempo teñas o ordenador ben cargadiño, estas son as estreas ás que nós lles temos máis ganas.

1. ‘Narcos’ (Netflix)

O mellor de ‘Narcos’ é que, como é de Netflix e foi estreada o día 28 de agosto, xa está toda a primeira temporada esperando a ser consumida de golpe. O seu título deixa claro de que vai: baseada en feitos reais, conta a historia do narco colombiano Pablo Escobar. As primeiras críticas din que bebe da escuridade de ‘True Detective’ e que é unha mestura entre ‘The Wire’ e ‘Goodfellas’. Pinta ben!

2. ‘Hand of God’ (Amazon)

Outro exemplo de que as cousas máis prometedoras chegan agora da man de Internet e non das canles de televisión tradicionais. ‘Hand of God’ conta a historia de Pernell Harris, un xuíz corrupto que tras un trauma (o seu fillo está en coma) empeza a ter visións e crer que Deus está a dicirlle que se vengue de quen deixou así ao rapaz. As críticas están a ser algo mesturadas, desde os que din que é unha nova obra mestra ata os que aseguran que non hai que confundir “escuro e desagradable” con “cool e bo”. A partir do día 4 poderedes xulgar vós.

3. ‘Scream Queens’ (FOX)

O guilty pleasure da temporada é ‘Scream Queens’, unha mestura entre ‘Gossip Girl’, ‘Glee’ e as películas de terror adolescente que teñen a ‘Scream’ como modelo. Un campus de universidade, asasinatos relacionados cun incidente que tivo lugar hai 20 anos e moito drama de fraternidades. Creada por Ryan Murphy, o xenio detrás de ‘Popular’, ‘Glee’ e ‘American Horror Story’. Caras coñecidas no reparto: Jamie Lee Curtis, Lea Michele (Rachel de Glee) e Emma Roberts (sobrinísima de Julia).

4. ‘The Grinder’ (FOX)

Rob Lowe (Sam Seaborn en ‘The West Wing’) é un actor de moitísimo éxito grazas a unha serie na que é avogado. Quen é avogado de verdade é o seu irmán, interpretado por Fred Savage (Kevin de ‘Aqueles marabillosos anos’!!), e a quen non lle fai demasiada ilusión que o seu famoso irmán decida dar o paso e intentar ser avogado de verdade. Comedia que prometía moito, pero o seu showrunner abandonou, así que agora xa non se sabe…

5. ‘Flesh and Bone’ (Starz)

Xa vos contamos nalgunha ocasión que o mundo do ballet e a música clásica están de moda, e este é un novo exemplo. Bebendo da escuridade de ‘O cisne negro’, ‘Flesh and Bone’ segue a Claire, unha bailarina de pasado escuro que se muda a Nova York para conseguir triunfar no mundo do ballet. Cando les críticas nas que se fala de ‘Breaking Bad’ enseguida sabes que estamos ante algo digno de ver. Terá só 8 episodios e non haberá máis temporadas.

6. ‘The Man in the High Castle’ (Amazon)

Máis Amazon! Esta serie está baseada no libro de Philip K. Dick, que presenta unha realidade alternativa: como sería o mundo se os alemáns tivesen gañado a Segunda Guerra Mundial? Moi escuro e aterrador, claro. Podería ser unha das series do ano: ten xa un 94% en Rotten Tomatoes. Detrás están Ridley Scott e Frank Spotnitz (Expediente X) coma produtores executivos. Este último fai tamén de guionista e está tamén metido David W Zucker, de ‘The Good Wife’.

7. ‘Supergirl’ (CBS)

Os comics levan xa uns anos revivindo en forma de series e ‘Supergirl’ é un exemplo do éxito deste universo. Conta a historia da curmá de Superman, que vivira un pouco sen chamar a atención ata que decide que ten que usar os seus poderes para facer o ben. A expectación é alta: o vídeo de presentación ten 14 millóns de reproducións!

8. ‘Jekyll & Hyde’ (ITV)

Non esquecemos as series inglesas, das que sempre esperamos o mellor. ITV estreará este outono ‘Jekyll & Hyde’, que nos atrevemos a aventurar que gustará a todos os fans de ‘Penny Dreadful‘. As bases son as mesmas: unha historia escura ambientada na época victoriana. Claro que hai quen di que ten pinta de ser unha serie de superheroes victorianos, algo que soa extrañamente atractivo.

9. ‘Red Oaks’ (Amazon)

Ola Amazon! Ti por aquí? ‘Red Oaks’ está chea de nostalxia dos 80, con mallas e calentadores para facer aeróbic incluídos. Conta a historia de David (Craig Roberts, o rapaz de ‘Submarine’), un xogador de tenis que traballa no Red Oaks Country Club durante un verán universitario. Historias de iniciación, deixar a adolescencia, anos 80… Marcádea como imprescindible.

10. ‘The Last Kingdom’ (BBC America)

Fans de ‘Xogo de Tronos’, tedes mil series centradas en épocas medievais e escuras, cheas de sangue e violencia, entre as que escoller. Unha delas é ‘The Last Kingdom’, ambientada no século IX, cando o que hoxe coñecemos como Inglaterra estaba dividido en varios reinos. Invasións vikingas, guerras, reis, e un rapaz dun reino que é secuestrado e criado por outro. Agora, claro, ten que escoller.

* ‘Show Me a Hero’ (HBO)

Miniseries que se emitiu na segunda semana de agosto e que todo o mundo está a alabar. E, xa sabedes, é da HBO. E o creador da serie é David Simon, de ‘The Wire’. Estamos nos 80, en crise, e seguimos a Nick Wasicko, novo alcalde.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *