Si, o verán está moi ben. Praia, sol, terrazas e cervexas e, de cando en cando, algún festival. Pero… que facemos no verán os adictos ao cine? Pois agardar coma auga de maio que comece o inverno e empecen a chegar as citas cinéfagas para bebernos o celuloide en grandes atracóns. A primeira en chegar, Curtocircuíto. Vense de anunciar hoxe as datas nas que Compostela volverá a ser protagonista do certame de curtametraxe. Anotade: do 6 ao 11 de outubro. Ademais, este ano en Disquecool viviremos moi de preto o festival, así que pasaremos lista á entrada para saber quen é cool e quen non. Vós veredes en que bando preferides estar…
Hoxe, ademais das datas, deuse a coñecer a primeira sorpresa dunha serie delas: Aki Kaurismäki asistirá ao Curtocircuíto. Despois de aparecer de súpeto na inauguración de NUMAX o pasado mes de marzo, o director finés volta a terras galegas para presentar un programa adicado ás súas obras menos coñecidas. Durante os días 9 e 10 de outubro, o director terá varios encontros co público ademais de presentar os seus filmes. Baixo o nome ‘Rock&Shorts’, Curtocircuíto recuperará os filmes que Kaurismäki filmou xunto co grupo Leningrad Cowboys, entre elas ‘Leningrad Cowboys Go To America’, filme do 1989 que deu a fama mundial ao realizador. Destruíndo por completo a idea tradicional do videoclip, estes filmes conteñen trazos identitarios do que despois sería a obra dun Autor (con maiúscula) de cinema.
Kaurismäki terá ademais carta branca nunha sección chamada ‘Signed by Aki K.’. Seguindo o espírito que o ano pasado outorgaba este pracer ao Cineclube de Compostela, Curtocircuíto pon a disposición do director o festival para programar os seus filmes máis queridos. Os escollidos son ‘The Fatal Glass Of Beer’, comedia dos anos 30 asinada por Clyde Bruckman; ‘Let There Be Light’, documental censurado de John Huston no que segue a varios excombatentes que padecen síndromes postraumáticos, e ‘Seul l’avenir nous le dira’, de Chilles Charmant (axudante do propio Kaurismäki) no que seguiremos ao director Rainer Werner Fassbinder despois de espertar da súa crioxenización no ano 2028 en Francia.
É un longo camiño ata outubro, mais, para ir abrindo boca as Noites Curtas volverán a Praterías os días 2 e 9 de setembro. Na versión compostelá da ‘Piazza Grande’ do festival de Locarno, poderemos ver as curtas gañadoras do ano pasado entre as que hai que destacar a fermosa ‘Ser e Voltar’ de Xacio Baño. En setembro tamén o WOS INC chegará a Compostela. O festival, irmandado co Curtocircuíto, contará con proxeccións de cine aínda por anunciar.