Normalmente un non pensa demasiado nos edificios que aparecen nos filmes que está a ver. Non pensa se son reales ou fabricados, non pensa no papel que xogan na escena, canto tempo levou deseñalos ou por que son como son. Parece que os espazos que habitan as personaxes carecen de importancia, meros escenarios que poderían ser calquera outros, incluso en películas nas que a relación entre a historia e o espazo é estreita, como pode ser o caso de ‘A fiestra indiscreta’.
Nós non adoitamos pensar neles, pero Federico Babina si. Trátase do arquitecto e deseñador gráfico italiano (pero afincado en Barcelona) que está detrás de ‘Archicine’, unha serie de ilustracións que dan protagonismo aos edificios emblemáticos de diferentes filmes, facendo que reparemos neles tal e como merecen. Ao fin e ao cabo, son escenografías ideadas para contar unha historia.
Explica o autor que estas ilustracións representan o encontro espacial entre a película e o espazo arquitectónico. “O espazo arquitectónico dun filme non é só un fondo, senón que se transforma nun novo protagonista. O cine ten a capacidade de transportarnos a diferentes mundos e vidas, permitíndonos vivir e respirar arquitectura real e imaxinaria”.
A iso hai que engadir o fantástico traballo de deseño de Babina, que fai de calquera destas ilustracións un fantástico póster para o dormitorio (de feito, poden mercarse en Society6 e eu estou tentada).
Vexamos algunhas das ilustracións de ‘Archicine’. Podes ver o resto na páxina web do autor.
1 comentario