Libros convertidos en cancións, cancións convertidas en edificios

Todos desexariamos poder ser almas renacentistas, adicarnos á ciencia e ás artes, á literatura e á pintura, ser bos en todo o que facemos, mesmo se sacrificamos a profundidade en prol da extensión -aínda que a Leonardo da Vinci non parecía ocorrerlle iso-. Por outro lado, todos envexamos secretamente aos sinestésicos. Hai algo (hai moito) de máxico en ver as notas musicais de algunha cor. En atopar un cheiro a cada palabra.

Non podemos ser nin xenios renacentistas nin sinestésicos, pero hai proxectos que nos recordan que hai quen sigue a intentalo. Un deles é TransProse, un fantástico programa que, segundo uns algoritmos, converte calquera libro nunca canción. Non se trata neste caso (como tantas veces se fixo) de alguén que en función da súa percepción crea unha composición que traduce o texto. Aquí o proceso é sistemático, mecánico, obxectivo.

Os creadores de TransProse, iso si, avisan que a investigación está en proceso, e que por iso polo momento a música resultante de cada libro non é especialmente fermosa (pero tampouco está tan mal, esta de ‘Corazón da escuridade’ ten algo de hipnótico). E a idea é tan tan bonita que parece mentira que puidésemos vivir sen un programa así.

O que fai e ler un texto é detectar en cada fragmento 8 emocións diferentes (alegría, tristeza, ira, asco, anticipación, sorpresa, confianza e medo), determinando a súa densidade e se son positivas ou negativas. En función diso, corresponde cada parte da novela con determinadas notas musicais, templo, clave, octavas (sempre de forma cronolóxica).

Escoitamos tamén ‘Alicia no País das Marabillas’ ou ‘O principiño’.


O outro deles é unha iniciativa máis persoal, coa que o artista Federico Babina (si, o mesmo de Archicine) transformou 27 cancións de grupos e artistas como Jimi Hendrix, Radiohead Ou Mozart en edificios (iso si, só en ilustracións). Aquí o proceso é xa artístico, pois convirte conceptos abstractos como o ritmo, a harmonía ou a proporción en obxectos visuais, casas onde morar como no interior das cancións. Todo segundo a súa sensibilidade persoal -que pode diferir completamente da túa, por exemplo-. Na galería podes ver algunhas das súas propostas arquitectónicas, e penso que é unha magoa que non sexan bosquexos reais.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *