Bocatas que son obras de arte nunha exposición na Coruña

O bocata da merenda (o do recreo, neste caso) non ten porque chegar nunha desas latas de Dora a Exploradora que o invaden todo durante a volta ao cole. Tampouco ten porque ir nun papel aluminio engurrado e pouco atractivo. Ou nunha desas bolsas de bocata que se venden en caixas. Os bocatas da merenda poden ir en medio dunha obra de arte efémera, como demostra o traballo de  David Laferriere.

Laferriere é un pai estadounidense que decidiu que os bocatas dos seus fillos fosen diferentes. Como é deseñador gráfico, a aposta evidente parecía a de tirar polo grafismo. “Encántalles”, dicía o pai hai algún tempo, “ e nada me gusta máis que a súa reacción ao final do día”.

Evan e Kenny, os seus dous fillos, levan cinco anos atopándose con algo ben distinto ao tradicional paquete aburrido cando abren o paquete do almorzo. Ao principio traballaba sobre o mesmo pan dos bocatas, pero non era unha superficie o suficientemente amigable, así que pasouse ao que envolve o sándwich. Cuns rotuladores, énchelles as bolsas do bocadillo con “monstros, vermes, animais de toda clase, paisaxes, labirintos, robots e toda clase de criaturas marabillosas”, como explican na nota de prensa que Flickr mandou aos medios para anunciar que as fotos de Laferriere acaban de chegar á Coruña.

A relación entre o artista dos bocatas e Flickr é estreita: o pai comezou a subir as súas obras á rede de fotos de Yahoo, para conservar certo testemuño do seu arte efémero, e dende alí saíron ao mundo. Non só os seus fillos vían cada día as súas obras de arte, senón tamén os seus seguidores na rede de fotos. Laferriere converteuse nun deses contidos virais e as fotos dos seus sándwichs saltaron dende Flickr aos medios de medio mundo.

Polo momento estarán tamén de forma física na galería 981 Style, en Marqués de Pontejos. A exposición coruñesa do arte na merenda de Laferriere será, iso si, limitada: só se poderá ver ata o próximo día 20.

Fotos cortesía de Yahoo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará