Era a estrea máis esperada da televisión para este verán. A reunión entre HBO (canal onde se emitiron ‘The Sopranos’, ‘Six Feet Under’ ou ‘The Wire’) con Aaron Sorkin (creador de ‘The West Wing’) só podía resultar en algo bo. Pero tanto hype previo, tantas expectativas, tiveron tamén un efecto secundario: todos os críticos do outro lado do charco esperaban con unllas e coitelos e plumas ben afiadas. E, efectivamente, tras a estrea do piloto foron a por ‘The Newsroom’ sen compaixón. Tres episodios despois, as opinións non parecen mellorar.
Tras ler tanta crítica enfadada, unha enfróntase ao primeiro episodio de ‘The Newsroom’ cunha mistura de desconfianza e curiosidade. Por que molestou tanto aos críticos? De verdade vai a ser tan mala? E se, Deus non o queira, me gusta? Despois de ver os dous primeiros episodios (e faltándome os dous seguintes nos que, din os desapiadados críticos, son xa unha caída sen freos) podo dicir que ‘The Newsroom’ é efectivamente unha desas series das que provoca pracer falar mal. Pero tamén desas que nos manterán pegados á pantalla toda a tempada.
Por que produce tanto pracer criticar a ‘The Newsroom’? Porque, ai, ao fin e ao cabo, sabemos ben de que pé coxea. E, sobre todo, porque nos recoñecemos como público obxectivo no que pensaba Sorkin á hora de escribila. E poucas cousas fan máis feliz ao hipster intelectualoide medio que lanzarse contra algo que se supón que lle ten que gustar. Aínda que despois, na intimidade, devore episodios e ría as bromas pedantes como nos soños máis salvaxes de Aaron Sorkin.
A ‘The Newsroom’ caéronlle por todos os lados por ser tan, tan Aaron Sorkin que case parece unha parodia. Temos a un grupo de xornalistas (todos atractivos e superdotados, como somos os xornalistas) decididos a volver a facer un telexornal dos de antes, nos que importaban os feitos e a verdade e ser obxectivo, non o espectáculo e as audiencias. Tanto idealismo provoca batallas internas no espectador, ás veces convencido de que outro mundo é posible, ás veces con ganas de cuspir ante tanto superheroe dos medios.
A Sorkin tamén se lle critica pola falsa diversidade da serie. Si, temos a mulleres en postos de responsabilidade e temos un equipo multicultural. Pero as mulleres son, xa sabedes, débiles e caprichosas, e os non-brancos son ou puro recheo (os dous negros aínda non tiveron ningún desenvolvemento como personaxes ou importancia en ningunha trama) ou puro estereotipo (xógase con que o noso querido Dev Patel é o típico indio friki que sabe de informática, pero ao final parece que iso é o que é).
Vaia, que se queremos criticar, non hai nada máis fácil. Pero ‘The Newsroom’ ten tamén bastantes acertos. Ten eses diálogos marca da casa que, se ben ás veces son ata difíciles de seguir, están cheos de pequenas xoias, pequenas frases e pequenos chistes que nos fan sorrir ou rir a risa dos intelectuais cando os escoitamos.
E despois están os actores. Está Jeff Daniels como estrela absoluta e merecida (e ese cariño que lle temos os que crecemos con el como tío divertido en ‘Padres Forzosos’ pero o de ‘Dous tontos moi tontos’ si que é!) e están eses primeiros minutos do piloto cun monólogo fantástico explicando por que Estados Unidos non é o mellor país do mundo. Está o fantástico acento de Emily Mortimer e estará Jane Fonda (eu aínda non cheguei).
Está tamén esa cabeceira tan clásica que ata sorprende, desas das series de toda a vida nas que vemos momentos da historia con imaxes de cada un dos personaxes e o nome do actor. E ese regusto clásico, esa declaración de intencións, lévanos ata un pasado moito máis afastado ca o da serie (a acción sitúase en 2010), facendo que poñamos distancia entre os feitos e nós.
Hai que ver ‘The Newsroom’? Aínda que só sexa para criticala (ou criticar aos críticos, pracer igualmente grande!), si. Á marxe de todo, é unha serie con ritmo, diálogos coma frechas, referencias políticas e personaxes que non terminan de caer ben pero que enganchan. E quizais ese xornalismo do que falan nunca existise fóra das cabezas dos teóricos e nunca vaia a existir, pero tal e como están as cousas non está de máis refuxiarse na idea de que un mundo mellor é posible. Un pouco de idealismo nunca vén mal.
Jeff Daniels no e o actor de padres forzosos e Dave Coulier.
Saudos
Ups, certo! Toda a vida pensando que eran a mesma persoa… non me atrevo a mirar unha foto para comparar e ver que nin se parecen!