Coñeces a historia do ukelele, o instrumento cool por excelencia? A súa orixe atópase no cavaquinho, unha guitarriña pequena típica de Braga, como ben se encarga de recordarnos Victor Coyote co seu último espectáculo: ‘Ukelele, la pulga que salta’. Trátase dunha opereta folk para nenos e modernos onde atoparemos o que máis gusta aos primeiros (marionetas, lategazos, teatro de sombras) pero tamén o que máis gusta aos segundos (música de ukelele, máscaras de ganchillo…).
‘Ukelele, la pulga que salta’ é un espectáculo de Ruido Bajito, un proxecto lateral do polifacético Victor Coyote máis achegado ás artes escénicas que á música, e onde o obxectivo é facer cousas modestas, para un público limitado, reproducindo o esquema-oxímoro de facer ruído pero baixiño, íntimo. Nesta obra cóntasenos a historia dun hit, unha historia á vez próxima e exótica, que comeza cunha guitarra pequena de Braga, continúa no barco no que viaxaba a xente orixinaria de Madeira para traballar o azucre nas plantacións hawaianas e remata co instrumento de moda do tropical verdor hawaiano. Así, a obra toma título da palabra coa que os nativos de Hawai designaron ao novo instrumento. Ukelele significa pulga saltona, e foi chamado así pola súa maneira rítmica de soar, cun timbre pequeno e agudo.
A Victor Coyote pareceulle que a historia do ukelele non era só moi interesante, senón tamén bastante descoñecida: “Atraíame esa dualidade do ukelele, coma instrumento exótico, pero tamén próximo, un instrumento de moda, pero que no sur de Galicia tamén pode ser considerado folk, un instrumento que, sendo o máis moderno, é o máis rancio, algo que poderían introducir nas súas cancións desde Luar na Lubre ata Emilio José“.
Ademais precisa que un espectáculo para nenos non ten por que ser diferente a un espectáculo para adultos “Ás veces poden coincidir os gustos, a xente que non saiba a historia do ukelele está na ignorancia tanto coma un neno”. E engade: “Hai formatos que xa están ligados ao público infantil, como poden ser as marionetas, pero eu creo que a xente fai moita distinción, excepto cando algo “mola”, como pode ser a animación 3D ou o cómic transformado en novela gráfica”.
O espectáculo, híbrido, imita a historia de mesturas do ukelele a través da confluencia de diferentes disciplinas como poden ser a ventriloquía, a música popular ou o burlesque. Visualmente é moi atractivo, o que permite que os nenos pequenos non se aburran na función, pero tamén que os maiores os copien para recibir a obra con esa mirada asombrada dos que aínda están a descubrir o mundo.
Ukelele, a pulga que salta estreouse no Matadero de Madrid hai un par de semanas e o éxito foi tal -15 días antes xa estaba todo reservado- que decidiron facer un ensaio con público o día antes. Aínda que Victor Coyote precisa “O espazo estaba limitado a 90 persoas, así que entre os pais que eu coñecía e os modernos que eu coñecía case enchían o espazo”. Para Galicia non hai datas concretas aínda, pero se todo vai ben o espectáculo estará por aquí este outono/inverno. Nós esperaremos ansiosos.