Vídeos para a fin de semana: Guilty pleasures (que dan moita vergonza) televisivos (I!)

Cando o abafante calor do verán pase (o domingo, segundo a miña nai e o seu consumo de novas sobre o tempo) e cheguen as choivas dignas do outono, sentiredes un baleiro existencial que só poderá ser enchido con series. Que ver mentres fóra cae auga e máis auga e non se quere saír porque o que apetece é poñer as katiuskas cando en realidade tes que optar polas sandalias? O mellor é botar man dunha serie-lixo. Un guilty pleasure deses que dan moita, moita vergonza.

1. ‘Amar en tiempos revueltos’. Ninguén confesa ver o serial de La 1 aínda que son líderes cada tarde despois do xantar. Cada ano e cada tempada arrancan con novas historias,  unidas polo barrio onde se sitúan (a madrileña Plaza de los Frutos, que realmente non existe), pola época (a posguerra) e polos personaxes (si, vaia, moitas veces os máis cansinos) do bar El Asturiano. Dúas disquerredactoras maldiciron o día no que TVE decidiu parar durante o verán a emisión. (E si, unha delas son eu.) Coidan bastante as historias (con licencias, si, non esquezamos que é un culebrón) e a caracterización. O vestiario é unha pasada, sobre todo os zapatos. A páxina é moi completa e podedes ver todos os capítulos das sete tempadas.

2. ‘Revenge’. A trama de ‘Revenge’ só pode ser o froito dunha noite de moito consumo de drogas. Emily volve aos Hamptons ( Sanxenxo multiplicado por 1.000 millóns) para vingar a morte do seu pai, que foi acusado de terrorismo (!) falsamente. Unha familia, os Greyson, foron a chave para que o pai de Emily fose declarado culpable, así que a súa filla vailles facer pagar – do xeito máis terrible – que se lle ocorra – por iso. A pobre Emily ten que namorar ao fillo da familia, aínda que todos vemos dende o momento un que o seu corazón está noutra parte. Disque é a adaptación moderna de ‘O conde de Montecristo’, de Alexandre Dumas. Como dixo unha amiga (que viu practicamente a tempada un nun fin de semana…), o único malo é que os protagonistas non son nada guapos. Vede o tráiler ata o final e cando escoitedes con que canción o pechan asumiredes que estades ante unha trapallada absoluta, pero unha trapallada adictiva e moi boa.


3. ‘Awkward’. Jenna é a clásica rapaza na que ninguén repara no instituto, aínda que no primeiro capítulo consigue liarse co rapaz máis popular da súa clase e a o que pretendía a xefa de animadoras. Pero pouco despois Jenna recibe unha carta bastante humillante e deprimente, que levaría a calquera a acabar coa súa vida. A pobre Jenna cae no chan do baño e todo o mundo pensa que tentou suicidarse. Por suposto, entón deixa de ser invisible. A serie é bastante diferente ás clásicas series para adolescentes: a xefa de animadoras ten sobrepeso, o príncipe azul é un auténtico cabrón (ninguén pode saber do seu con Jenna!) e Jenna é bastante máis intelixente que as protagonistas das outras series. Podedes dicir que é un capricho intelectual. Na web da MTV están todos os episodios da primeira tempada.

4. Plain Jane. Pode que para os puristas, a MTV perdera cando deixou de ser unha tele sobre música para ser o paraíso dos realities. pero nós aplaudimos a reconversión, porque os realities da MTV son o paraíso do guilty pleasure vergoñento. ‘Xa non estou gordo’ (aínda que a min ese créame certa ansiedade e non son quen de velo) ou ‘Máis que amigos’ son pequenas xoias coas que pasar un bo anaco con cerebro nese reconfortante modo ‘consumo de lixo’. ‘Plain Jane’ é unha das mellores. Unha rapaciña do montón (si, queridos, iso é o que significa Plain Jane) quere cambiar antes de declararlle o seu amor a un rapaz (moitas veces un Plain Joe polo que non pagan a pena tantos desvelos). Louise Roe, unha modelo, presentadora e -segundo a MTV – “case psicóloga” axúdalles a cambiar a redescubrirse a elas mesmas.

5. Física y química. A disquerredactora que aporta esta serie quere permanecer no anonimato, porque no só se enganchou á serie española de institutos máis imaxinativa senón que ademais fíxoo… vía YouTube! Xa sabedes: adolescentes que se namoran e se desnamoran, adultos que non semellan tal…

Aínda que a realmente prometedora semella a versión latina

Despois de esta confesión, só vos pedimos que enchades os comentarios cos vosos pecados.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *