Vídeos para a fin de semana: Algunhas series para ver esta tempada

Unha das cousas boas de que chegue setembro e que o outono se vaia achegando é que – felicidade! – volven as series de televisión, das que somos decididos fans. Volven as que nos gustan, chegan novas promesas – este ano é bastante prolífico en series-lixo de consumo rápido – e temos unha boa escusa para quedar algunha tarde na casa. Poñerse ao día na serie X. Velaí vai unha primeira selección do que agardar das series esta tempada. (Podería ser unha selección de guilty pleasures para o outono, pero era imposible non poñer ‘Homeland’)

1. Downton Abbey. Somos bastante fans, como xa sabedes de Downton Abbey, o serial de época da británica ITV. Cada capítulo que pasa a serie vira máis melodrama, pero aínda así témoslle aprecio. (Ou case mellor xusto por iso témoslle cariño). A terceira tempada comeza nos anos 20 e con avoíña americana. E todo indica que a pobre Lady Edith terá algún momento de felicidade, a malpocada.

2. Homeland. Na redacción de Disquecool fómonos enganchando en cadea. Primeiro caeron as primeiras vítimas, que foron contaxiando ao resto. A historia comezaba o ano pasado en Iraq, cando un preso lle confesa a unha axente da CIA que Al Qaeda conseguiu converter a un dos soldados estadounidenses. E o que podería ter sido o arranque dunha historia patriótica (e previsible) foi en realidade unha serie chea de voltas e reviravoltas cunha pobre protagonista máis próxima á antiheroína que a heroína de acción. A segunda tempada promete arrancar forte. O día 30 en Estados Unidos.

3. Community. Chegará tarde, pero chegará (despois do medo que pasamos cando todo semellaba indicar que ían acabar con ela). Será o 19 de outubro. Polo momento, aínda non nos deixaron ver máis que algunha foto de mala calidade que os actores tomaron no set de rodaxe. O primeiro capítulo será unha homenaxe aos ‘Xogos da Fame’.

4. Como coñecín á vosa nai. É posiblemente o guilty pleasure máis compartido. Ao final a nai xa empeza a dar igual e a voda que está converténdose na verdadeira protagonista da trama non é xustamente a do protagonista da serie. Volve o día 24 e nunca máis teremos que falar dela (só consumila en silencio)

5. Emily Owens. E se xa vos cansastes deste guilty pleasure (coñecemos varios casos xa), aquí está outra serie que promete como serie lixo da tempada. Chega da CW (os de Gossip Girl, o que xa vos debería dicir todo) e está protagonizada por unha doutora noviña que chega a traballar a un hospital… no que están o rapaz que lle gustaba no instituto e a popular malvada que a facía infeliz naquela época. A protagonista (momento lercheo) é a filla de Meryl Streep.

6. The Goodwin Games. A idea promete, pero farán algo xenial con isto ou unha serie cansina? Un pai morre e deixa aos seus fillos unha herdanza incrible. Pero para facerse con ela terán que gañala xogando ao Trivial.

Foto | ITV

Shares

1 comentario

  • Edu di:

    Ese homenaje de Community pinta muy bien, como todos los capítulos “temáticos”.

    Mi guilty pleasure total de los últimos tiempos es Strike Back, una serie de acción que es bastante mejor de lo que necesita ser :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *