Videos para o fin de semana: 10 estreas de cine para este outono

Se algo ten de bo o outono, ademais da ilusión coa que comezamos as actividades extraescolares, é que os cines volven encherse de películas decentes. Así, tras pasar o verán rememorando os vellos (e mellores) tempos do cine, con clásicos estivais imperecedoiros, chega o momento de baleirar de novo os nosos petos e sufrir nos nosos ouvidos os ruxidos das bolsas de patatillas.

E que filmes farán que recorramos a esa forma de ocio tan demodé como é asistir ao cine? Pois esta disqueredactora ten xa algunhas estreas -en España- apuntadas na axenda, xa sexa polo argumento, polo director, ou simplemente porque o tráiler promete.

Velaquí os 10 filmes máis esperados desde outono, cos seus 10 tráilers:

1. A Roma con amor – Woody Allen – 21 de setembro

Woody Allen é un clásico do outono, cada ano asistes a ver o seu filme, independentemente de se che gustara ou non o anterior. Porque si, Woody Allen sempre apetece, non esixe moito e fai rir. Neste último filme seguiremos as atribuladas vidas amorosas de catro personaxes diferentes en Roma.

2.  Martes despois do Nadal – Radu Muntean – 21 de setembro

Mellor película no Festival de cine de Gijón 2010, Martes despois do Nadal é o retrato honesto e lacerante dunha crise matrimonial. É o primeiro filme do realizador romanés Radu Muntean.

3.  Adam Resucitado – Paul Schrader – 5 outubro

Este filme de 2008 conta a historia dun cómico nun campo de concentración obrigado a entreter a xudeus que esperaban para entrar nas cámaras de gas. Isto provocaralle importantes secuelas psicolóxicas.

4. 7 días na Habana – varios directores – 5 outubro

Sete directores diferentes  (Laurent Cantet, Benicio Del Toro, Julio Medem, Gaspar Noé, Elia Suleiman, Juan Carlos Tabío, Pablo Trapero) tratarán de dar unha visión vital e enérxica da capital de Cuba a través de 7 curtas independentes.

5. On The Road – Walter Salles – 19 outubro

Adaptación ao cine da mítica novela iniciática de Jack Kerouac, onde nos recorda o que era ser libre, novo, exaltado e famento de vida na xeración beat.

6. Cosmopolis – David Cronenberg – 11 outubro

Un magnate de (interpretado por Robert Pattinson, o de Crepúsculo) atravesa a cidade nunha limosina sen preocuparse do que ocorre fóra dela. Polo que din, unha crítica feroz ao capitalismo.

7.  Frankeeweenie – Tim Burton – 11 outubro

Aínda que o último filme de Tim Burton nos decepcionou un pouco, un nunca perde a esperanza (ou alomenos, sabe que verá algo bonito). En Frankeeweenie retoma unha curta realizada por el mesmo no 84, onde un neno consegue resucitar ao seu can. O tráiler vese ben bonito!

8. Detachment – Tony Kaye – 31 outubro

Adrian Brody protagoniza o ultimo filme do director de ‘American History X’, onde da vida a un profesor que é quen de conectar cos alumnos. Unha escusa para facer un bo repaso do sistema educativo americano.

9. Beyond the hills – Christian Mungiu – 23 novembro

Pór dúas películas romanesas entre as 10 máis prometedoras sexa probablemente un capricho, pero o certo é que ‘Beyond the hills’ ten moi boa pinta. Conta a historia do reencontro de dúas amigas, unha emigrada a Alemaña e a outra dedicada en corpo e alma á relixión.

10. Amor é todo o que necesitas – Michael Haneke – 21 decembro

E para os que vos guste deprimirvos no cine, nunca falla Michael Haneke. Nesta ocasión cóntanos a vida dunha feliz parella octoxenaria que ve como todo cambia cando un deles cae enfermo.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *