Hai quen di que xa só paga a pena ir ao cine para ver películas de acción, con moitos efectos especiais que só se poden desfrutar en pantalla grande. Pero hai outro tipo de cine que só pode ser visto alí. Lembras ‘Elephant’, o filme de Gus Van Sant sobre un tiroteo nun instituto? Só é posible desfrutala se podes mergullarte de verdade, subir á mochila do personaxe ao que toque seguir e camiñar con el polos corredores do instituto. A modo, moi a modo. Con ‘O amigo da miña irmá’, salvando (moito) as distancias, pasa algo parecido.
O último filme de Lynn Shelton nin é tan lento, nin require tanto saber deixarse levar como ‘Elephant’, pero si necesita un pouco ese estado de relaxación de non esperar que pasen moitas cousas, aínda que no fondo e na superficie haxa chicha dabondo: Jack, un trintaneiro deprimido pola morte do seu irmán hai xa un ano, marcha a unha cabana nunha illa para pensar na súa vida, enviado por Iris, a súa mellor amiga e ex do seu irmán. Pero na cabana non está só, está tamén Hannah, irmá de Iris, que vén de cortar coa súa moza despois de sete anos. Beben e acaban na cama, e á mañá seguinte aparece Iris pola casa quen, obviamente, está namorada de Jack. Acción!
Temos o triángulo amoroso definido e xa só queda ver como se desenvolven os tres personaxes, interpretados por Mark Duplass, Emily Blunt e Rosemarie DeWitt, para arranxar a situación. E atopamos un pouco de todo.
O mellor son esas escenas nas que o argumento non avanza demasiado, eses momentos nos que nos sentimos espías de situacións tan banais coma coñecidas. Conversacións pouco definidas conseguidas a base de poñer aos actores a improvisar, miradas e paseos polos fermosos bosques da illa.
O peor son os momentos nos que entra o guión para facer que a historia avance de modo algo antinatural e collido polos pelos. Lembrándonos, sobre todo ao final, o que pensamos nada máis ver o cartel e o título do filme: non é máis ca unha típica comedia romántica.
A sensación final depende tamén moito da idea coa que entraches no cine: se o teu obxectivo era ver unha simple comedia romántica, sairás contento, porque de súpeto atopaches un filme indie fácil de ver con moita reflexión detrás. Se sabías xa que os tiros ían máis por esa vertente, sairás un pouco enfadado por eses xiros do guión que afastan o filme do seu pedigree independente e o levan cara á típica película de Hollywood. Porque ‘O amigo da miña irmá’ é o exemplo perfecto dun filme de Indiewood, o indie levado ao mainstream.
E despois, á marxe de todo isto, de xéneros e pretensións, están as camas. O final tan obvio que enfada non importa, nin os xiros do guión forzados. O único que importa son todas esas escenas nas que as camas da cabana cobran protagonismo, como centro definidor de como é a relación entre as irmás, entre os amigos, entre os que se acaban de coñecer. Só por eses segundos nos que somos espías con certo pracer voyeur da intimidade en pixama e con mantas entre todos os personaxes paga a pena pagar a entrada. Sen importar se buscas sentirte indie ou un filme de Jennifer Aniston.
Encántame a reflexión sobre as camas!! Non o pensara cando vin a peli, pero é certo o que dis! Sisisi! :-)