Vídeos para a fin de semana: amor clásico

Hoxe imos pórnos un pouco ñoños porque chegou o outono, e con el, as follas vermellas caendo das árbores, a chuvia soando tralas fiestras e as ganas de quedar na casa escoitando cancións tristes. É tempo para o amor!

Pero non un amor moderno, senón un amor clásico, pasional, romántico, un pouco parvo, un pouco incomprensible, ás veces doce e en moitas ocasións, ben pretiño do odio. Un amor de Humphreys Bogarts e Laurens Bacalls -aínda que eu non comprenderei xamais como diaños converteuse el nun sex symbol-. É tempo de rememorar onde escoitamos aquelo de “se me queres, asubía”, ou “bícame, bícame coma se fose a última vez”. Porque algo hai que recoñecerlle ao amor anacrónico: non era nada descafeinado.

Repasamos hoxe cinco míticos momentos de amor de cinco clásicos filmes (e hai spoilers).

1. Ter e non ter

Pódese percibir a química entre Lauren Bacall e Humphrey Bogart, que se coñeceron neste filme, e casaron un ano máis tarde.

2. Casablanca

Debo recoñecer que o que me fascina desta escena é como conduce Humphrey o coche. Polo demais, lin nalgures que o filme non podía rematar doutro xeito porque o código da época prohibía mostrar a unha muller abandonando ao seu marido por outro (ser infiel, por contra, non debía estar tan mal visto).

3. Gilda

Amor turbulento: paixón, odio, celos, suspense… que máis se pode pedir!

4. O que o vento levou

Está claro que isto non é unha escena de amor correspondido, pero eu son moi fan do despecho (como motivo artístico) e xa aprendemos en Gilda que do odio ao amor vai un paso. Aínda que o mellor, sen dúbida, é a reacción dela. Moitos deberíamos aprender!

5. O soño eterno

Bacall e Bogart repiten, xa casados, neste enrevesado filme negro. O amor non é tan importante, pero esta derradeira escena é ben divertida.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *