As princesas hipster de Disney xa teñen musical

Un personaxe de Disney que non cante é como un moderno sen Tumblr: simplemente, non existe. Por iso ao meme do ano pasado que deu por converter a varias princesas Disney en hipsters faltáballe algo, faltáballe alma, faltábanlle cancións! E ti dirás: pero o das princesas hipster de Disney non é algo xa moi pasado? Si, é “moi 2011”, pero na era de Internet na que todo vai demasiado rápido xa podemos falar de 2011 como vintage. Así que non podemos máis que saudar felices o revival das princesas hipster grazas a un vídeo que xa se converteu en viral: Hipster Disney Princesses: The Musical.

Protagonizado por Ariel, Brancaneves, a Cincenta e Bela, o musical mostra ás princesas cantando por lugares de Nova York, con gafas de pasta e con versos tan acertados como “eu xa falaba con paxaros moito antes de Twitter” (di Brancaneves), ou “gústavos o meu suxeitador? é orgánico!” (Ariel). Xulgade vós mesmos.

O caso é que  a cousa non remata aquí. Calquera que queira descubrir quen está detrás deste musical chegará ao canal de YouTube de AVbyte!, unha empresa formada por dous irmáns, Antonious e Vijay, que se dedican precisamente á necesaria tarefa de crear musicais en Internet. Un paseo polo seu canal déixanos descubrir un musical adicado a Justin Bieber e o Señor dos Aneis, ao iPhone 5, a Tumblr ou a 50 Shades of Gray. O lugar perfecto para unha tarde de procrastinación.

Iso si, ningún dos seus intentos anteriores logrou o efecto viral acadado coas princesas hipster. Pero claro, ían sobre seguro: unir a nosa infancia co noso presente (admitámolo) xa demostrou hai un ano que era algo exitoso. É, ademais, profundamente irónico. Que hipster non ía querer un musical sobre princesas de Disney con gafas de pasta? 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *