Vídeos para a fin de semana: cabeceiras de series… da nosa infancia

A cabeceira de ‘Dexter’, a de ‘Mad Men’, a longuísima de ‘Twin Peaks’… todos as lembramos sen problema. Están feitas para iso. E todas elas levan unha música asociada, tan ou máis importante que as imaxes en si. E si, tamén as lembramos. Pero hoxe toca deixar de pensar en todas estas series que na nosa vida adulta vemos e desfrutamos e analizamos, hoxe toca darlle para atrás ao reloxo do tempo e situarnos nese final dos anos 80, comezo dos 90 nos que vimos as nosas primeiras series. E no fondo son o mesmo: lembramos as cabeceiras e, sobre todo, lembramos a música. Hoxe toca tarde nostálxica de cantar.

– ‘Isidoro’
Todos os fans de Isidoro, o gato, fixemos felices a transición a Garfield ao facernos maiores. Isidoro, como Garfield, mola. Normal. É un gato.

– ‘A volta ao mundo de Willy Fog’
Cantas series de debuxos animados baseadas en libros clásicos e protagonizadas por animais vimos de pequenos? Moitas. Pero Willy Fog era das mellores.

– ‘Dartacán’
Outra máis. Cantos de vós aínda dicides Dartacán e non D’Artagnan cando falades do libro de Dumas? A todos se nos ten escapado algunha vez… Esta serie era unha produción hispano-xaponesa, así que os debuxos viñan con pedigree.

– ‘Os Trotamúsicos’
Eu era moi moi fan dos Trotamúsicos (especialmente de Burlón, o gato). A serie non só tiña esta canción e a de peche, en todos os episodios había algo máis! Baseada, claro, en ‘Os músicos de Bremen’ dos irmáns Grimm.

– ‘Bola de dragón Z’
Admitímolo: ningunha das catro disquerredactoras vía ‘Bola de dragón’, así que sufríamos as eternas conversas no cole sobre Son Goku e toda a panda sen entender nada e sen poder participar. Pero somos conscientes da importancia que tivo a serie na nosa xeración. E, por certo, queríamos meter tamén Doraemon, pero non atopamos a intro en galego en YouTube. Alguén debería poñerlle fin a iso.

– ‘Oliver e Benji’
Cando era adolescente houbo un mail deses que se enviaban en cadea no que se daba a resposta a unha das incógnitas da nosa infancia: canto medía o campo de Oliver e Benji. A conclusión, tras complicados cálculos matemáticos, era que 18 km de lonxitude. Podedes ver todo o texto aquí, non ten desperdicio! Na canción temos esa valiosa lección que non hai que esquecer: solamente juegan para ganar, pero siempre con deportividad!

– ‘Fraggle Rock’
Non son debuxos, pero nin importaba entón, nin importa agora. ‘Fraggle Rock’ era unha serie fantástica e o tema da cabeceira é tan alegre e optimista que é difícil non sorrir (e dar palmas) ao escoitalo.

– ‘Sherlock Holmes’
Como non saír hipsters se xa de nenos mirábamos debuxos dirixidos por Miyazaki? E si, somos moi fans do ‘Sherlock’ da BBC, pero o noso amor polo detective naceu aquí. Despois foron os libros, e despois, ao final, chegou a BBC.

– ‘A Aldea do Arce’
Éramos ademais moi eclécticos, pasando de Miyazaki a Emilio Aragón e Rita Irasema (compositores e intérpretes da canción en español) sen nos despeitear. Iso era ser cool.

– ‘Marco’
Que dicir de ‘Marco’? O dramón sen rival da nosa infancia, cunha canción tan desgarradora que non sabemos se os nenos de agora poderían soportar. No te vayas mamá, no alejes de mí…

– ‘Os Fruitis’

Con esta serie claramente aprendemos a ser tolerantes coa xente distinta, como queda ben claro no estribillo: somos blancos, somos verdes, somos negros y amarillos, somos todos diferentes y estamos muy unidos.

– ‘Heidi’
A versión feminina de Marco, ou a súa irmá xemelga perdida nos Alpes. Teñen a mesma cara porque os creadores foron os mesmos, claro. Heidi tamén nos ensinou moito sobre a parte dura da vida, pero tamén que correr polas montañas cun can e unhas ovellas e durmir sobre palla era suficiente para ser feliz. A letra da canción da intro, din as malas linguas, fala de drogas.

– ‘Mofli, o último koala’
A conciencia ecolóxica chegounos con Mofli. Como non nos íamos converter nunha xeración preocupada polo medio ambiente despois de crecer vendo cousas así? Mofli era o último koala e uns cazadores furtivos e malos querían cazalo. Había tamén outra serie moi parecida na que o animal en perigo de extinción era unha foca.

– ‘David, o gnomo’
Sempre me fascinou como unha serie protagonizada por adultos (vellos!) coma ‘David, o gnomo’ puido ter tanto éxito entre os nenos, pero supoño que non é máis que sinal da súa calidade. A David pasábanlle moitas cousas, era sete veces máis forte ca nós e sempre estaba de bo humor. E todos andábamos con coidado cando estábamos polo monte para non pisalo.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *