5 series británicas de época para esta tempada

Que teñen as series británica que tanto nos fascinan? Un acabado estupendo, unha coidada ambientación, unhas historias próximas aos dramóns que a todos nos encantan (e que como falan noutro idioma podemos aceptar sen pensar que estamos a ver un culebrón máis)… Somos fans das series do Reino Unido e estas son algunhas das propostas para a presente tempada.

Call the midwife. A serie é realmente da tempada de inverno pasada, pero acaba de chegar aos Estados Unidos e está empezando a ser popular, grazas sobre todo aos artigos dos medios estadounidenses que lle puxeron o sambenito de ‘a nova Downton Abbey’ (algo que non ten moito sentido). Nas cadeas de librarías xa se pode ver a edición en castelán do libro no que se inspira (as memorias dunha comadroa no Londres máis pobre do 1950) o que é un signo máis de que pronto chegará á tele en aberto en España (polo momento, tena AXN White, pero se os que programan Divinity están ao que deben estar xa deberían ter mercado os dereitos).

Jenny Lee é unha enfermeira noviña, que acaba de conseguir o título de comadroa. Fuxindo dunha historia de amor (iso vai ser insinuado ao longo da serie) chega ao East End londinense para traballar cunhas monxas anglicanas (en que se diferencian das católicas? Non moita idea) que son comadroas na marxinal zona dos Docklands. A serie recolle en seis capítulos as experiencias destas profesionais na época e as vidas de Jenny e as súas compañeiras. Foi a mellor estrea dunha serie de época da BBC en moito tempo e conseguiu rachar co record en audiencia do ano que tiña Downton Abbey. É un pouco ñoña (un crítico do Telegraph – ollo antes de abrir aos spoilers –  fixo un xogo para emborracharse véndoa e poder soportalo sen deixar de ser un macho…) pero déixase ver.

Parade’s End. Como de preparados estades para ver a Sherlock Holmes sufrindo por amor nos estertores da Belle Époque? Posiblemente unha das cousas que fan que os británicos sexan tan bos en series de época é que teñen unha chea de escritores (bos) que fixeron cousas moi adaptables á televisión. E unha chea de bos guionistas que souberon como collerlles a medida. Ford Madox Ford fixo A fin do desfile, unha inmensa tetraloxía que recolle a historia de Christopher Titjens, o derradeiro cabaleiro de Inglaterra. O derradeiro home no mundo que sabe o que é a honra. Benedict Cumberbatch é o protagonista, repetindo papel de fulano un pouco perturbado. Titjens casa no primeiro capítulo con Sylvia, unha muller de familia acomodada e católica (pensade o que iso era na Inglaterra de 1900!) á que presuntamente deixou embarazada. Pronto vemos que o matrimonio é un desastre: el debería deixala, pero non o fai porque lle parece unha canallada. Ela está un pouco desesperada. En escena entra unha mociña, sufraxista, que se namorará de Titjens e que todo o mundo da pola súa amante (pero lembrade que el é un home de honra!) e, por suposto, a I Guerra Mundial (que vive un revival, despois de anos de esquecemento das súas posibilidades televisivas).

A serie é o Downton Abbey killer da BBC pero nada que ver. Downton é un culebrón dos bos, con reviravoltas e xiros e traxedias e esta é a historia de persoas atrapadas polas convencións, pola sociedade, nunha vida que non os fai felices. É unha historia de xente infeliz, presentada co incrible acabado de todo o que produce a BBC (envexa dá ter unha tele pública como esa). A historia segue os libros de Ford Madox Ford, un deses escritores de principios de século británicos que nós non lemos ata que non chega unha serie e o fai popular (e si, as súas obras están xa nas baldas das grandes cadeas de librarías en castelán), polo que co derradeiro episodio remata a historia. Cumberbatch fai estupendamente de home honrado de complicada vida, aínda que non logremos sempre entendelo. Un dramón dos de antes estupendo para un maratón de series dunha tarde.

The Paradise. Cando se soubo que a tele británica (a BBC, por suposto) ía adaptar ‘Au bonheur des dammes’, pareceume xenial. O libro de Émile Zola é un dos menos coñecidos, eclipsado polos clásicos como ‘Nana’. Pero ‘Au bonheur des dammes’ é un dos meus favoritos (e eu a Émile quérolle ben!). Narra a historia do ascenso do dono duns grandes almacéns e como a febre do consumismo cambia o taboleiro de xogo dunha rúa comercial de París, cunha historia de amor (dalgún lugar hai que sacar as intrigas) como elemento que une toda a trama. O libro é do máis actual (todo Zola é actual: non hai nada lin un dos seus libros e era unha novela sobre a burbulla inmobiliaria!), porque explica como os modelos de negocio cambian e como uns cómeno todo e outros non son capaces de aceptar que todo está a cambiar (el fala de venta de roupa, vós podedes cambialo por dixitalización). E ademais é moi bo.

A historia de Zola é modificada aquí para que non sexa en París senón nunha cidade do norte de Inglaterra, aínda que tampouco é que vexamos moito a localidade. Case toda a historia acontece en interiores e, ben, como lectora de Zola eu agardaba un pouco máis. Para non fan-girls ou fan-boys do naturalista francés, a historia pode ser aceptable e sobre todo con todo o sabor de época que ten o que chega da BBC.

Mr Selfridge. Moito máis prometedora é esta serie sobre un grandes almacéns, que tamén narra – como The Paradise – o que pode facer a febre consumista. Conta a historia do vendedor estadounidense, Harry Gordon Selfridge, que montou en Londres a comezos do século XX unha das tendas máis populares da cidade, Selfrigdes. A historia ten practicamente todos os elementos que aseguran unha boa serie: un matrimonio por cartos, ideas diferentes (vamos, que vai haber enfrontamentos con outros vendedores e piques) e vestidos estilosos.


The Hour. Xa sabedes que somos bastante fans de The Hour (a pesar do cisma interno sobre se Freddie é ou non o home) así que estamos a contar o tempo que queda para que volva. Non hai que agardar moito: a mediados de novembro chega á BBC a segunda tempada, con escándalo incluído.

Foto | BBC

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará